Manuel Darriba


Categoría: Xornalista e escritor
Data de Nacemento: En 1973
Lugar de Nacemento: Sarria (Lugo)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

É licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e en Filosofía pola UNED. Traballou como reporteiro e enviado especial de El Progreso de Lugo e o Diario de Pontevedra ata 2004. Nese ano fundou con José Manuel Gegúndez a axencia Transmedia, editora de publicacións especializadas. Foi responsable de edicións nesta empresa ata o ano 2010, dirixindo diversas revistas de gandaría, hostalaría e o Anuario da Academia Galega do Audiovisual.

Ten colaborado en medios como Dominical (suplemento de El Periódico de Catalunya, ABC e diversos periódicos rexionais), o semanario La Clave, o xornal económico Expansión, o magazine galego GPS, a Axencia Galega de Noticias, a revista literaria Protexta, os suplementos "Crónica" e "Magazine" de El Mundo e a edición galega de El País. Na actualidade publica unha columna semanal no xornal gratuíto De luns a venres.

O seu labor xornalístico recibiu os premios Once-Galicia de xornalismo, Julio Camba de reportaxe e a mención especial no Premio Nacional Manuel Alcántara para xornalistas menores de 35 anos.

Debutou como escritor coa novela Paf Xarope en 1997. Posteriormente publicou o libro de poemas Calor (1997) e a novela Outonos espectaculares (1998). No ano 2000 ganou o Premio Lueiro Rey de novela curta con Velada do billarista e no 2005 o Premio Espiral Maior de Poesía por Vostede non sabe con quen está a falar. Dúas obras súas foron editadas en castelán por Bruguera no 2008 nun único volume: El billarista. Accidental. No 2009 publica a novela curta Branco. No 2010 ganou o premio de poesía Miguel González Garcés coa obra Os indios deixaron os verdes prados.

Baixo o pseudónimo de Manuel Amado, escribiu biografías dos poetas Lorenzo Varela, Uxío Novoneyra e Lois Pereiro, editadas por Galaxia e distribuídas en prensa nos Días das Letras Galegas dedicados a estes autores.

No eido audiovisual, Manuel Darriba é guionista e director dos documentais Tolos por Xapón (con Pedro A. Ramos), nomeado aos Premios Mestre Mateo, e Prodixiosos, producidos por Bren Entertainment para a Televisión de Galicia. No ano 2011 escribiu, produciu e dirixiu a longametraxe documental Pacios. As fotos da memoria. A película estivo nos festivais internacionais de Lucerna (Suíza), Tesalónica (Grecia) e Latin Side Of The Doc (México DF).

A finais do 2011 estivo bolsado no Taller de Desenvolvemento Cinematográfico Casa de América/Fundación Carolina. Durante unha estadía de dous meses na Residencia de Estudantes de Madrid escribiu o guión de ficción Verano, con Fernando Castets e Inés París como asesores. Ten escrito outros tres guións de ficción e un proxecto de serie.

En televisión, foi guionista e director nos docu-shows de TVG Onde vai a xente (1ª e 2ª temporadas) e Un país de lerias (1ª temporada), nos anos 2011 e 2012.

A primeiros do 2013 publicou, con Daniel Salgado, a crónica política AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerdas. Este mesmo ano publica a novela O bosque é grande e profundo (Xerais), tamén editada en español por Caballo de Troya.