
CurrículumNace en Sabucedo, fillo de Palmira Castro Valladares e Perfecto Cabada Vázquez (irmán do poeta Xosé Manuel Cabada Castro), sendo o cuarto de seis irmáns: Gerardo, xesuíta emigrado ó Brasil ó que todo o mundo coñece como Pepe, Lino que viviu sempre en Sabucedo, Manuel, tamén xesuíta recorrendo mundo, e Adolfo, Jaime e Pablo, que se fixeron Mestres por diferentes escolas de Galicia acabando os tres en Vigo.
Leva o nome de Jacobo polo seu bisavó, Jacobo de Castro Cabada e o de Adolfo polo irmán, Adolfo, da súa madriña María Obelleiro Garrido, que morrera había pouco na guerra civil.
Ata os 14 anos leva unha vida propia dun neno labrego do seu tempo en Sabucedo e asiste á escola de D. Francisco Regueiro Moreira.
Ós 14 anos comeza os estudos de Bacharelato no Colexio dos Xesuítas na Pasaxe da Guarda.
Con tres anos de estudos (ós 17) ingresa no Noviciado dos Xesuítas en Salamanca, sendo novizo da Compañía de Xesús durante algúns meses, e coincidindo en parte co seu irmán Manuel, novizo da Compañía de Xesús. Abandona o noviciado para ó ano seguinte retomar os estudos primeiro en Marín e logo en Pontevedra.
Case dez anos despois viaxaría el ata Austria para asistir á ordenación sacerdotal de seu irmán Manuel e á súa misa nova alá.
No curso seguinte, xa con 18 anos, estudando no colexio dos PP. Pauís de Marín (por libre) aproba 3º, 4º e Reválida Elemental en Xuño e, en Setembro, aproba 5º de Bacharelato e Ingreso de Maxisterio, que prepara el só nos meses de verán.
Nos dous cursos seguintes remata o bacharelato Superior e a carreira de Maxisterio en Pontevedra.
No ano seguinte obtén praza nas Oposicións de Maxisterio en Pontevedra co número 1.
Ten que incorporarse ó Servizo Militar cun ano de retraso e, durante o mesmo (como alférez de complemento en Madrid) ingresa na Facultade de Filosofía e Letras.
Licénciase do servizo militar e pide a excedencia en Maxisterio ata o ano 1964 no que reingresa. Nese tempo traballou en diversos sitios chegando a ser o primeiro delegado de vendas da Editorial Plaza y Janés das Provincias de Xirona e Lleida.
En decembro do 1962 regresa a Sabucedo para pasar o Nadal coa familia e nas festas de San Estevo en Cerdedo coñece a Elsa (nacida o 04/07/1940), tamén mestra, e filla do médico Don Manuel Iglesias Troitiño (médico rural de Cerdedo) e da súa muller Adelaida Diz Janeiro. Desde ese día os dous acordan manter unha relación epistolar mentres Adolfo segue co seu traballo en Cataluña.
Un par de anos máis tarde, no ano 1964, pide o reingreso para traballar como mestre na escola pública e o 1 de Agosto de 1965 casan na Igrexa de San Juan de Cerdedo, sendo Manuel, o irmán de Adolfo, quen os une en matrimonio (debeu facelo bastante ben posto que chegaron a celebrar as "vodas de ouro").
Como Mestre comeza a súa andaina en Escolas Unitarias, primeiro en Oca (A Estrada), e xa casado con Elsa en Mesía (Olas, A Coruña) onde nace o seu primeiro fillo Santiago (Santi) o 15 de maio de 1966.
Ó ano seguinte de nacer, trasládanse a vivir a Rubillón (Avión), onde Elsa xa tiña o seu destino como mestra, e Adolfo pide o traslado para Abelenda (Avión). Despois Elsa cambia tamén de destino (por consorte) para a escola de Abelenda, para logo integrarse ambos nos novos Colexios Comarcais en Avión, vivindo alí, na casa da escola Abelenda durante uns 7 anos.
Neles imparte clases, obtendo para iso a correspondente especialidade, de Galego, Francés, Castelán, Expresión Plástica, etc... e tamén Ciencias Naturais, Educación Física, Formación Relixiosa...
En 1970 é nomeado alcalde de Avión durante uns catro anos, cargo que desempeñou sen deixar de atender a súa escola en Abelenda promovendo nese tempo, ademais da modernización da administración municipal, obras importantes coma a do Colexio Comarcal e melloras en vías de comunicación sempre soñadas coa incondicional colaboración do pobo, mesmo económica.
Alí, en Abelenda, nacen os seus fillos Javier (03 decembro 1967) e Carlos (26 maio 1970), e a súa filla Ana (09 outubro 1971), onde eles mesmos comezan os seus estudos primarios.
Despois desa etapa rural, en 1975 trasládase a Vigo coa súa muller Elsa e os seus catro fillos, onde comeza unha nova etapa. Alí traballa 14 anos no Colexio Carrasqueira onde tamén tivo responsabilidades directivas e sendo Director do mesmo durante 4 cursos.
Remata a súa vida profesional como primeiro Xerente do Centro Residencial Docente de Vigo durante uns 14 anos (para o que foi nomeado en concurso de méritos de libre designación) logo da súa creación como separación da antiga Universidade Laboral de Vigo.
Participa activamente nos comezos dos movementos sindicais profesionais e a súa única incursión na política activa é con Coalición Galega da que sería Secretario de Actas do Comité de Vigo.
Como recoñecementos da súa labor e participación na vida pública cabe destacar o seguinte:
- Foi Socio de Honra do Circulo Mercantil de Vigo pola súa destacada contribución ó logro da Universidade para Vigo.
- Foi Medalla de Ouro de Fillos e Amigos da Estrada.
- Foi membro da Enxebre Orde da Vieira.
- Foi Pregoeiro da Festa dos Gaiteiros de Soutelo.
- Participou activamente na Comisión Xestora da Asociación de Amigos da Terra de Montes elaborando o borrador dos seus Estatutos e foi o segundo Presidente da Asociación entre os anos 1991-1996.
Deste período como presidente da Asociación cabe destacar:
- Aprobación do Reglamento de Honras e Distincións.
- Proposta e inicio de xestións para o Monumento á Muller Labrega.
- Concesión de Medallas de Ouro a: Antonio Rodríguez Fraiz, Carlos Amable Baliñas Fernández, Avelino Senra Varela, Francisco Filgueira Gulías, José María Barreiro Gómez.
- Homenaxe ós Mestres que fixeron Escola na Terra de Montes.
No comezo dos anos 80 arranxan a casa dos pais de Elsa na Devesa de Abaixo da parroquia de Presqueiras, na que pasaron moitos veráns e fins de semana desfrutando do campo, pero a súa maior ilusión era Sabucedo...
Sempre mantivo un arraigo especial co seu pobo natal, e volvía sempre que podía coa súa familia á súa casa natal, no Recanto de Sabucedo, onde vivía a súa nai Palmira, o seu pai Perfecto, e o seu irmán Lino coa súa familia. Nunca se perdeu unha soa "Rapa das Bestas" de Sabucedo...
Posteriormente compra a casa de Rivas e xúntaa coa "Cochera" (onde seu pai gardaba o camión e despois o bus) e fai unha casa para pasar os últimos anos da súa vida en Sabucedo.
Adolfo falece a noite do 28 de abril de 2018 no seu domicilio de Vigo, despois de pasar por unha longa enfermidade e ter pasado por varias operacións (cancro de ril, metástase en pulmón e fígado) que lle deron… algunhas "Rapas" máis.