
CurrículumJacobo conta con máis de 20 anos de experiencia como guionista audiovisual.
Actualmente traballa no concurso 'Atrápame se podes', que superou os mil programas e foi galardoado co Premio Iris 2024 da Academia da Televisión ao Mellor Programa Autonómico.
Obras realizadasPoesía. Galardoado co XIV Premio de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro do concello de Negreira pola obra Kensington (Medulia, 2026). O seu poemario Fäden / Fíos gañou o LII Certame Literario de Vilalba.
Series de ficción. Creador e guionista da serie diaria Saudade de ti, onde escribiu os argumentos dos seus 180 capítulos e das TV movies Os amantes de Abrente e Que fermoso é vivir en Abrente. Tamén é creador e guionista das catro temporadas da comedia Casa Manola. Participou noutras ficcións de Televisión de Galicia como Pratos combinados ou As leis de Celavella, pola que recibiu o Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ao Mellor Guión.
Documental. Guionista da longametraxe documental Santos #2. Work in Progress, estreada no International Film Festival Rotterdam, centrada no proceso creativo de Oliver Laxe. Escribiu e dirixiu a serie documental Caminhos de irmandade, coproducida por RTP e TVG, sobre o roteiro de peregrinación entre Lisboa, Fátima e Santiago. Entre outros traballos de non ficción destaca Galicia Caníbal, dirixido por Antón Reixa para TVE.
Formatos de televisión. Ao longo da súa traxectoria participou na escritura de programas moi diversos: dende idear as cámaras ocultas en E agora que? até divulgar o patrimonio monumental en Un país en 360, pasando pola coordinación de contidos dos quiz shows Eu sei + ca ti e Gaña a túa sorte. Tamén escribiu sketches para o espectáculo cómico Malo será! e guionizou o reality show O gran camiño. Xunto a estes traballos, desenvolveu formatos propios como Sobre rodas, Maniotas ou Unha viaxe para contar.
Teatro. Experto en Cine e Teatro pola Universidade da Coruña. Completou a súa formación en escritura teatral con Manuel Lourenzo, Premio Nacional de Literatura Dramática. Como dramaturgo publicou Elevador (Laiovento, 2005), Peep show (RGT, 2007), Teatro infantil (Laiovento, 2007) e Dependencias (CreateSpace, 2012), volume que reúne pezas breves representadas en máis de 500 funcións. A súa obra Estigma (Laiovento, 2008) foi estreada polo Centro Dramático Galego.
Literatura infantil. Autor dos libroxogos Lobishome (Bolanda, 2016) e Maruxaina (Bolanda, 2017), e dos álbums ilustrados A meiga chuchona (Baía, 2018), O tesouro das estrelas (COMG, 2018), Augas de ouro (Bolanda, 2018) e O gatipedro (Baía, 2018).