Fran Alonso


Categoría: Escritor, editor e xornalista
Data de Nacemento: 27 de xuño de 1963
Lugar de Nacemento: Vigo (Pontevedra)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

Opinión
 Currículum

É licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago e realizou estudios de postgrao en Literatura Infantil na Facultade de Ciencias da Educación de Cuenca. Formou parte da redacción de Diario 16 de Galicia, onde foi coordinador da sección de Cultura. En 1996 presentou un breve espacio dedicado ós libros na televisión local de Vigo. A principios dos anos 90 foi fundador e animador, xunto con outros dos escritores, dun proxecto editorial alternativo chamado Edicións do Dragón. Posteriormente vinculouse ó ámbito da edición, no que actualmente exerce a súa actividade profesional. Desde 1992 traballa en Edicións Xerais de Galicia, primeiro como coordinador de edición, e desde o ano 2000 como Subdirector para a Edición Xeral, formando parte do equipo de dirección de Xerais. Como editor, creou e dirixiu a colección «Ablativo Absoluto» de poesía e na actualidade dirixe a colección «Abismos». Como escritor publicou máis dunha ducia de libros e foi galardoado con diversos premios literarios. Na actualidade é colaborador habitual do xornal La Voz de Galicia e do semanario A Nosa Terra.

 Obras realizadas

A obra literaria de Fran Alonso abrangue a narrativa, a poesía, o xornalismo e a literatura infantil e xuvenil. Os seus libros foron galardoados con diversos premios, entre os que destacan o Blanco Amor de Novela, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro do ano, o Losada Diéguez de creación literaria e a distinción White Ravens 2003 da Internationale Jugendbibliothek de Munich. Como narrador publicou Tráiler (1991), Cemiterio de elefantes (1994), Silencio (1995), O brillo dos elefantes (1999) e Males de cabeza (2001). Abordou a poesía en Persianas, pedramol e outros nervios (1992); Tortillas para os obreiros (1996); Cidades (1997), e Subversións (2001), volume este último que recolle tamén a súa obra poética anterior. Ademais, publicou o libro mixto A lúa no probador (1992) e, como xornalista, deu á luz Territorio ocupado (1998), unha crónica de literatura periodística sobre o conflicto saharauí. Os seus libros Cidades e O brillo dos elefantes publicáronse en coleccións destinadas ao público infantil e xuvenil, igual que o álbum ilustrado A casa da duna (2002). A súa obra foi obxecto de varias traduccións e está recollida en diversas antoloxías, revistas e volumes colectivos.

 Outros datos de interese

Participou en múltiples actos, encontros e actividades culturais en Galicia e fóra dela, e impartiu numerosas charlas e conferencias. Como escritor, pertence ao Pen Club de Galicia (no que foi membro da súa directiva), á Asociación de Escritores en Lingua Galega e á Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. O seu interese polas novas tecnoloxías fai que manteña na rede o seu cosmocaderno Cabrafanada http://cabrafanada.blogspot.com/. Apaixonado viaxeiro, colaborou con diversos proxectos de solidariedade da Asociación Galega de Axuda ao Sáhara, Acción contra a Fame, Educadores pola Paz, COSAL, Amnistía Internacional, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e Coordinadora Galega de ONGs. É membro do IGADI e membro fundador do Observatorio Galego para o Sáhara Occidental.