Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, está en posesión do diploma de directivos da Xunta de Galicia.
En 1985 ingresou na Administración Autonómica da Xunta de Galicia, sendo membro do Corpo Superior da Administración xeral da Xunta.
En xullo de 1991 foi nomeado Secretario Xeral Técnico da Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes e accedeu tres meses máis tarde á Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, para desempeñar ata 1996 o cargo de Secretario Xeral.
Desde 1992 a 1996 foi vicepresidente e secretario xeral do Servizo Galego de Saúde. Ese ano foi nomeado Secretario Xeral de Asistencia Sanitaria no Ministerio de Sanidade e Consumo e Presidente do Insalud, cargos que ocupou ata o ano 2000.
Entre maio de 2000 e xuño de 2001 exerceu de conselleiro-director xeral da entidade pública empresarial Correos e Telégrafos e desde xuño de 2001 ata xaneiro de 2003 foi presidente da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos S.A.
Foi membro do Instituto Galego de Oftalmoloxía, presidente do Padroado da Fundación Hospital Manacor, presidente do Padroado da Fundación Hospital Alcorcón, presidente do Consello Xeral do Insalud, conselleiro do Banco de Crédito Local e conselleiro de Paradores de Turismo de España, entre outros.
Tamén exerceu como vogal titular do Consello Asesor de Telecomunicacións, vogal do Consello de Administración da Fábrica Nacional de Moneda e Timbre - Real Casa da Moneda, presidente da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos e presidente do Consello de Administración de Chronoexprés S.A.
Distinguírono coa Gran Cruz de Isabel La Católica en outubro de 2003.
Desde o punto de vista político, foi membro do Comité de Dirección e do Comité Provincial do PP de Ourense (2002) e do Comité de Dirección e do Comité Provincial do PP de Pontevedra (2004). Forma parte do Comité Executivo Nacional do Partido Popular desde o ano 2005. Ademais, foi deputado autonómico do PPdeG por Pontevedra (agosto de 2005) e foi elixido presidente do PPdeG no XIII Congreso celebrado o 15 de xaneiro de 2006.
Foi nomeado conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivienda o 18 de xaneiro de 2003 e vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia o 10 de setembro de 2004. Actualmente é o presidente da Xunta de Galicia.