Xulián Maure Rivas


Data de Nacemento: En 1941
Lugar de Nacemento: Vigo (Pontevedra)
 Currículum

Licenciado en Teoloxía (Salamanca 1963), en Filoloxía Románica (Compostela 1976) e doutor en Filosofía e Letras (Compostela 1999), fixo tamén estudos de Económicas na universidade galega (1969-71). Foi profesor de Lingua e Literatura castelás en varios institutos galegos e desde 1980 no IES “Val Miñor” de Nigrán, onde foi director durante repetidos mandatos. Foi profesor de Teoría da Lingua Escrita no terceiro ciclo da Universidade de Vigo (2002-2004).
De 1973 a 1978 foi responsable das edicións galegas de Editorial Anaya, onde iniciou unha serie de estudos das actitudes do profesorado ante a incorporación do galego no ensino. Como cumpría ter unha única normativa para a edición de libros escolares en galego, promove, con membros da  directiva do ILG, uns seminarios na Universidade de Santiago que darán como resultado as Bases para unificación das normas lingüísticas do galego. Desta obra fixo unha primeira edición non venal de dezaseis mil exemplares que se repartiu entre o profesorado de Galicia como agasallo do Nadal 1977. Nestes anos publicou “Lúa Nova”, a primeira serie escolar de lecturas en galego para os cinco primeiros curso de EXB. En 1978, coa súa dona Camiño Noia e con Germán Sánchez Ruipérez como socio empresarial, fundou Edición Xerais de Galicia, da que foi presidente do consello de administración e director xeral ata 1983.
Foi o primeiro subdirector xeral do Libro, Bibliotecas e Patrimonio Documental da Xunta de Galicia (1983-84). Promoveu a Asociación de Tradutores Galegos (1984) e desde esta entidade impulsa a creación de Viceversa, Revista galega de tradución (1995) e a Biblioteca Virtual de literatura universal en galego www.bivir.com (2000), da que foi o primeiro director.
Foi secretario de COGALCO (Cooperativa galega de consumo) (1971-72), membro fundador do xornal Diario de Galicia, membro do consello asesor do IGADI, da xunta directiva de Tempos Novos, e do Instituto de Estudos Miñoranos. Publicou en revistas especializadas artigos sobre o mundo editorial galego  e sobre problemas de lingua escrita. É autor de Galicia sen libros. Informe sobre o libro galego (1987), Para unha escriptoloxía do galego (1998, 2006) Un camiño novo para unha vella utopía (2004). Como tradutor do alemán publicou obras de literatura infantil de Mira Lobe, Otfried Preussler e Chistine Nöstlinger. Para a biblioteca virtual da ATG traduciu O carteiro de Neruda de Antonio Skarmeta. Editou algúns documentos medievais en lingua galega, sobre todo en REM (Revista de Estudos Miñoranos),  publicación que dirixe na actualidade (2011).

 Outros datos de interese

No seguinte enlace pode accederse á súa bibliografía rexistrada na Biblioteca Universitaria da USC:
http://iacobus.usc.es/search~S1*gag/a?Maure%20Rivas,%20Xuli{226}an,%201941