Xosé Luis Mayor Balboa


Categoría: Pintor
Data de Nacemento: 30 de xaneiro de 1971 (†agosto de 2001)
Lugar de Nacemento: Lugo

   Cultura
 Currículum

Xa desde moi pequeno as bolboretas andaban a bulir pola súa cabeza, polo seu corazón infante, pola súa imaxinación e amosaba unhas inquietudes especiais que xa deixaban entrever esa futura alma de artista. Pintaba todo o que caía nas súas mans, desde un ovo, ata as paredes do cuarto, pinturas xa cunha forte pegada creativa. Dicía súa nai que cando pintaba os ovos non sabía que facer con eles, se comelos ou deixalos así, porque daba moita mágoa rompelos. Empezou os seus primeiros estudios no Colexio da Milagrosa e xa por aqueles tempos a monxa tiña que vixialo, porque pintaba os pantalóns dos rapaces, os seus e o mobiliario da súa clase. Foi logo ós Maristas, colexio no que pasou oito anos e onde gañou o seu primeiro premio de carteis, que levaba por título "Maristas, cen anos en España". Aquí coñece ó seu amigo da alma, Luis Tosar, e a outros moitos cos que compartía a súa forma de pensar e de ve-la vida. Dos Maristas pasou ó Instituto Feminino, onde fixo a súa primeira exposición individual, para acabar sendo delineante, profesión que compaxinaba perfectamente coa pintura e na que podía amosa-las súas dotes creativas.

 Obras realizadas

Fixo moitas exposicións ó longo da súa curta existencia e presentouse a varios certames pictóricos. Deixounos unha extensa obra cun marcado influxo picassiano e na que leva ó color á súa máxima expresión. Mesturando o cómic e o realismo, lévanos a vivi-los recordos da súa nenez, a entende-la súa forma tan especial de ser, de vivir, de sentir... Era un namorado da arte en tódalas súas expresións; non só pintaba, senón que tamén esculpía e compoñía música para a súa guitarra e o seu clarinete. Estas dotes musicais levárono a formar parte de dúas Corais lucenses de gran renome: "Cantigas e Frores" e a "Coral do Hospital Xeral- Calde".