Víctor Mosqueira


Categoría: Actor
 Currículum

A súa carreira como actor comeza no teatro galego en 1978. Fórmase na Scuola Internazionale dell’attore Comico con Antonio Fava, na Bont’s School of Clown con Eric de Bont e en diversos obradoiros con Jesús Aladrén, Martín Adjemián, Leo Bassi o John Wright, especializándose en comicidade, clown e Commedia dell’Arte. Ten participado en compañías como ‘O Moucho Clerc’ (‘Un códice clandextino’, ‘O Rousinol da Bretanha’), ‘Centro Dramático Galego’ (‘Espectros’, ‘Un soño de verán’, ‘O incerto señor don Hamlet’) e ‘Ollomoltranvia’ (‘Commedia: un xoguete para Goldoni’, ‘Escola de Bufóns’…). Na actualidade, o seu traballo está vinculado ó dúo cómico Mofa e Befa (Para ser exactos, ‘Finis Mundi Circus’), sendo destacado co premio ‘María Casares’ (1999) ó mellor actor de reparto.

 Obras realizadas

En cine traballou en produccións como ‘O agasallo de Silvia’, ‘O alquimista impaciente’ ou ‘Para que non me esquezas’ e en diversas curtametraxes como ‘Cielito lindo’, ‘Él nunca lo haría’ ou ‘Mofa e Befa: Gran liquidación’ (premio da Asociación Galega de Productores Independentes ó mellor actor). Tamén conta cunha ampla experiencia televisiva, sendo os seus traballos máis coñecidos nas teleseries ‘Un paso adelante’ (Antena3) e ‘Mareas Vivas’ (TVG) e nos programas de humor ‘Apaga a luz’ e ‘Máxima audiencia’ (TVG). Tamén ten desenvolvido diversos traballos en publicidade (campaña ‘Dr. Vox’ para A Voz de Galicia) e como actor de dobraxe.