Reside nese concello durante toda a súa vida agás o tempo de emigración en Lucerna (Suíza), onde viviu coa súa familia dende os cinco anos ata a adolescencia. Ten unha filla de trece anos.
Estudou o bacharelato no Instituto Otero Pedrayo de Ourense e, posteriormente, Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Do seu tempo na emigración conserva o seu coñecemento de alemán.
Dende 1990 é funcionaria da Administración de Xustiza, actualmente destinada en Ourense.
Inicia o seu traballo social no movemento veciñal do seu concello. Formou parte da directiva da Agrupación Cultural Auriense desde o ano 2001.
Milita no nacionalismo desde principios dos anos noventa. Membro da Xunta de Persoal da Administración de Xustiza en Ourense desde 1995 ata o 2003 en representación da CIG. Durante cinco anos foi secretaria comarcal da Federación da Administración Pública da CIG en Ourense e membro da súa dirección nacional.
Concelleira e portavoz municipal en Barbadás en representación do BNG desde 1995 ata 2005. Ocupa un escano na Deputación Provincial de Ourense desde 1999, tamén ata 2005. Pertence ao consello comarcal de Ourense-O Carballiño, sendo elixida pola XI Asemblea Nacional do BNG como integrante do seu consello nacional.
Na pasada lexislatura foi deputada e vicepresidenta do Parlamento Galego, onde exerceu de voceira en materia de Agricultura e Medio Rural.