Ana Romaní


Categoría: Escritora e xornalista
Data de Nacemento: En 1962
Lugar de Nacemento: Noia (A Coruña)
 Currículum

Locutora da Radio Galega, dirixe desde 1990 o programa "Diario Cultural" de emisión diaria. "Diario Cultural" é un dos programas diarios de información cultural máis veteranos da radiodifusión galega. Desde os seus inicios dedica unha especial atención á actividade escénica. Emite diariamente a páxina de teatro con fragmentos das producións escénicas galegas que se estrean, material este que configura un amplo arquivo sonoro do teatro galego.

En 2006 o "Diario Cultural" promove o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico que organiza a Radio Galega e o Centro Dramático Galego, un certame que procura fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea. O premio materialízase na convocatoria de textos inéditos, a adaptación radiofónica e a emisión, ao longo de tres semanas, das obras finalistas nos distintos programas da Radio Galega, así como a edición dun libro-Cd e a realización do Espazo Radioescénico.

 Obras realizadas

Publica os poemarios Palabra de Mar (1987), Das últimas mareas, Ed. Espiral Maior (1994), Arden, Ed. Espiral Maior (1998), o conto Marmelada de amoras, Nova 33 (1997) e Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos, Ed Galaxia (2003). Coordinou o volume de relatos Narradio. 56 historias no ar, Ed Xerais (2003), promovido polo Diario Cultural da Radio Galega. Participou en distintos proxectos artísticos, entre eles “O Son da Pedra” de Milladoiro, “Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once poetas galegas” da Fundación Rosalía de Catro”, “Son Delas” coordinado por Uxía Senlle, “Lob*s” (1998) con Antón Lopo, “Estalactitas” (2002) con Anxos Romeo e Lupe Gomez, “Catro poetas suicidas. Intervención poetica contra a levidade” (2002) en solitario e “A voz e o poema. Os periplos de Aviles de Taramancos” con Anxo Quintela. Tamén é a autora de Love me tender. 24 Pezas mínimas para unha caixa de música (col. Poeta en Compostela, 2005) e Estremas (ed. Galaxia, 2010).

 Outros datos de interese

Foi galardoada co I Premio Irmandade do Libro polo programa radiofónico "Diario Cultural" en 1992, o Premio Xerais á colaboración no labor cultural (1999), o Premio San Martiño en prol da Normalización Lingüística e Cultural de Galicia (2002), o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2007) e o Premio ao Fomento da Lectura na modalidade de radio da Federación de Gremios de Editores de España (2007).

Polo seu labor profesional recibiu o premio Atlántida á xornalista radiofónica do Gremi de Editors de Catalunya (2008), Premio de Honra Marisa Soto da Asocación de Actores e Actrices de Galicia (2009), Premio á Traxectoria Xornalística da  Asociación de Escritores en Lingua Galega (2009) e o Premio ó Labor Teatral na XXVIII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (2011).