Álvaro Seivane Magide


Data de Nacemento: 29 de xullo de 1952
Lugar de Nacemento: Ribeira de Piquín (Lugo)
 Currículum

Fillo de Xosé Manuel Seivane Rivas, gaiteiro e artesán, tivo dende moi novo contacto co mundo da música tradicional e da artesanía. De mente inqueda e curiosidade innata, Álvaro Seivane combinaba a escola con horas de lecer no obradoiro do seu pai, empapándose dos segredos do tratamento das madeiras e o uso das ferramentas.

 Obras realizadas

En 1967 matricúlase na rama de automobilismo, especialidade de mecánica, no Instituto Politécnico As Mercedes de Lugo. Despois de 5 anos de estudos, trasládase a Barcelona para completalos na Escola Virgen de la Merced, onde acada o título de Mestre Industrial.
O seu traballo na sección de útiles e prototipos nunha empresa de electro-mecánica, fixo que entrara en contacto con tecnoloxías que máis tarde lle servirían para mellorar sensiblemente as ferramentas existentes, así como para crear outras novas cara á optimización do proceso de fabricación das gaitas.
En 1979 establece un obradoiro en Barcelona, e comeza a fabricar gaitas con grande éxito entre todos os gaiteiros afincados en Cataluña e toda Europa.
En 1986 deixa o seu traballo na fábrica, e traslada o seu obradoiro a Cambre (A Coruña).
 
Xurde, neste momento, e na contra do proverbial minifundismo galego, a teima de crear unha empresa máis grande coa unificación dos dous obradoiros. Pretende, deste xeito, modernizar os sistemas tradicionais de produción e sobre todo investigar seria e profundamente todos os aspectos relacionados coa gaita.
 
Sería 8 anos máis tarde, en 1994, cando por fin ve o seu soño cumprido coa fundación, xunto co seu pai e o seu irmán Xosé, do “Obradoiro de Gaitas Seivane”.
 
Neste senso, Álvaro impartiu formación da que saíron discípulos, as súas inquietudes investigadoras culminan na creación do pallón sintético Seipal, patentado no ano 2005, que permite evitar os problemas habituais dos pallóns clásicos, garantindo unha estabilidade tonal en todas as circunstancias de humidade e temperatura, sen afastarse o máis mínimo do son do pallón tradicional de cana. Deste xeito, Álvaro e a súa familia, imprimen un tratamento moderno ao proceso de fabricación investigando continuamente para corrixir as eivas que presentan as gaitas feitas ata ese momento.
Contribúen á normalización das medidas das gaitas e á estandarización das palletas o que permite unha optimización de todo o proceso de produción e unha homoxeneidade tímbrica en todos os seus instrumentos.  O Obradoiro Seivane, dirixido actualmente por Álvaro e Xosé Seivane, vende gaitas en todo o mundo, sobre todo dende a inauguración da súa páxina web www.seivane.es que foi pioneira e segue a ser referente e exemplo entre as páxinas web dedicadas á artesanía de todo o mundo. Esta páxina acadou o premio Innova do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio no ano 2006, galardoada como exemplo de innovación na artesanía da pequena e mediana empresa española.
Seguindo co labor de investigación en 2009, o CTAG e a universidade viguesa puxeron a disposición do Obradoiro Seivane a capacidade de investigación e equipos de última xeración para levar adiante o proxecto IDIGAITA, que remata no ano 2011. Neste proxecto o CTAG utiliza novos materiais con punto verde, onde a sonoridade está avaliada utilizando unha metodoloxía de análise obxectivo/subxectivo do son, desenvolvida por Sonitum da Universidade de Vigo.
Polo tanto, Álvaro estivo presente e participou activamente en todos os movementos que levaron á mellorar a gaita e levala ao altísimo nivel de consideración do que goza hoxe en día. Todo isto sen perder de vista a esencia da tradición, a esencia de Galicia.
Na actualidade, Álvaro leva case trinta anos de experiencia no oficio. Na compañía da súa familia, conseguiu facer do apelido Seivane un sinónimo de esmero, calidade, competencia e precisión. Non en van, hoxe por hoxe, o Obradoiro de Gaitas Seivane é a primeira empresa galega na produción, comercialización e exportación de gaitas.
Como parte do Obradoiro de Gaitas Seivane recibiu diferentes premios e recoñecementos ao seu labor e influencia no eido da gaita galega.