Juan Carlos Zahera


Categoría: Bailarín e coreógrafo
Lugar de Nacemento: Lugo
 Currículum

Empeza os seus estudos de danza na Escola de Artes Coreográficas (A Coruña) onde recibe formación técnica de Danza Clásica, Danza Española (escola bolera) e Jazz-Modern.
En 1977 entra a formar parte do Ballet Galego “Rey de Viana”, sendo bailarín titular durante un período de catro anos e participando en todas as actuacións e xiras de ámbito nacional e internacional.
En 1982 entra da man de Carmen Roche, mestra do Ballet Nacional, na Escola Nacional de Danza en Madrid, no ano seguinte entra na Compañía de Danza de Luís Fuente e nela completa a súa formación clásica con Zelma Bustillo e o propio Luís Fuente, en danza contemporánea fórmase con Clive Thompson da compañía de Alvein Alley de Nova York.
No mes de outubro do mesmo ano, entra a formar parte do Ballet do Gran Teatro do Liceo de Barcelona e no ano 1985 é elevado á categoría de bailarín solista pola súa directora Asunción Aguadé. No devandito Teatro traballou ás ordes de personalidades da danza e do teatro tan importantes como: Lluis Pascual, Ivo Guerra, Pier Luigi Samaritani, Giuseppe de Tomasi (discípulo de Tatiana Paulova), Friedemann Steiner e José Luís Alonso. Así mesmo, traballa ás ordes de directores de orquestra de recoñecido prestixio como: Roberto Abbado, Armando Gatto, Romano Gandolfi e Manfred Ranín.

 Obras realizadas

En 1986 compaxina a súa estadía no Gran Teatro do Liceo co Teatro Español (Madrid) para traballar na produción Bohemios, baixo a dirección de Miguel Narros e a coreografía do gran mestre José Granero.
En 1987 é cando crea na cidade de Lugo o seu propio taller de danza, levando un intenso labor pedagóxico e coreográfico, e, en 1990, xunto cos seus alumnos máis destacados decide crear e presentar ao público o Ballet Cidade de Lugo.
En 1993, é chamado polo Centro Dramático Galego para facer a coreografía da obra O soño de Verán de W. Shakespeare, dirixida por Eduardo Alonso.
En 1995 obtén o Premio Nacional de Danza de Paraguai pola coreografía Pequenas princesas, o leva a dar múltiples representacións e cursos polo país.
En xuño de 1997 idea, dirixe e interpreta o espectáculo Danza na Muralla no que intercala elementos como a danza, teatro, poesía, imaxe, música, luz e fogo acadando un efecto impactante e ao mesmo tempo innovador. De novo volve a representar no mes de outubro, por mor da inauguración das festas patronais San Froilán 07, dando paso á creación dun Espazo Escénico na Muralla Romana de Lugo.
En decembro dese mesmo ano dirixe e interpreta o espectáculo A Música coa Imaxe e a Danza coa coreografía O Museo na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial de Lugo, producido pola Universidade de Santiago de Compostela.

 Outros datos de interese

En maio de 1998 preséntase de forma oficial o Espazo de Danza Universitario na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. Dende aquela dirixe, coreografía e imparte cursos neste novo espazo de creación escénica dando orixe a un Laboratorio de Danza Contemporánea para a comunidade universitaria.
En 1998 concédenselle as distincións de “Lucense del Año” e “Milagrosista del Año”.
Imparte e participa en numerosos simposios, congresos e xornadas tanto de danza como de investigación no movemento e a música.