Roberto L. Blanco Valdés


Categoría: Escritor e profesor
Data de Nacemento: En 1957
Lugar de Nacemento: A Estrada (Pontevedra)
 Currículum

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 1987 co premio extraordinario. Na actualidade é catedrático de Dereito Constitucional no Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado da Universidade de Santiago. Foi profesor das Facultades de Dereito e Socioloxía da Universidade da Coruña e na actualidade exerce a súa actividade docente nas de Dereito e Ciencias Políticas da Universidade de Santiago.

 Obras realizadas

É autor de máis de cen traballos publicados nalgunhas das máis prestixiosas revistas especializadas en Dereito Constitucional e Ciencia e Teoría Política, tanto españolas como estranxeiras, publicou unha decena de libros, entre os que destacan: Rey, Cortes y fuerza armada en los orígenes de la España liberal (1808-1823) (Siglo XXI, Madrid, 1988), La ordenación constitucional de la defensa (Tecnos, Madrid, 1988), Los partidos políticos (Tecnos, Madrid, 1990), El problema americano en las primera Cortes liberales españolas. 1810-1814 (Universidade Nacional Autónoma de México, México D.F., 1995), El valor de la Constitución (Alianza Editorial, Madrid, 1994) (traducido ó italiano), Introducción a la Constitución de 1978 (Alianza Editorial, Madrid, 1998), (tamén traducido ó italiano) e Las conexiones políticas (Alianza Editorial, Madrid, 2001).

 Outros datos de interese

Foi, ademais, "visiting researcher" na Universidade de Georgetown (Washington D.C.) e investigador visitante na Universidade de La Sapienza, en Roma, tendo pronunciado cursos e conferencias en ámbalas dúas universidades e na práctica totalidade das universidades españolas e noutras europeas (Bolonia, Trieste, Milán, Calabria, Padua) e americanas (México, Chile, Ecuador, Brasil). Especialista en Dereito de Partidos, foi convocado como experto pola "Comisión para o Estudio e a Investigación sobre Financiamento de Partidos", creada en 1995 no Congreso dos Deputados e participou en diversos foros institucionais e en reunións e congresos nacionais e internacionais sobre a materia. É o responsable do capítulo relativo á Comunidade Autónoma de Galicia no Informe Comunidades Autónomas que elabora, desde 1989, o Instituto de Dereito Público de Barcelona. Ademais da súa actividade académica, desenvolve desde hai anos unha activa labor ensaística -en revistas como "Claves de Razón Práctica", "Leviatán", "Sistema" ou "El Noticiero de las Ideas"- e xornalística, como analista político en La Voz de Galicia e, ata o seu peche, de Diario 16. No ano 2001, obtivo o "47 Premio Juan Fernández Latorre" de xornalismo escrito.