Isaac Rielo Carballo


Categoría: Crego, etnógrafo e escritor
Data de Nacemento: 1 de novembro de 1930
Lugar de Nacemento: Arcos de Frades - Pol (Lugo)
 Currículum

Cursou os estudios medios así como os de Filosofía e Teoloxía da carreira eclesiástica no Seminario Conciliar de Lugo, ordenándose sacerdote en 1955. Tras uns anos de ministerio parroquial como ecónomo das freguesías de Cirio e Fraialde no arciprestado de Luaces - Lugo, ingresou por oposición no Corpo Eclesiástico do Exército, no que acadou o grao de coronel capelán. Co gallo de amplia-la súa formación, matriculouse na Facultade de Dereito Canónico na Universidade Pontificia Comillas de Madrid, onde obtivo a licenciatura nesta disciplina. A licenciatura en Teoloxía, que tamén posúe, acadouna no Instituto de Teoloxía Fonamental, Facultade de Teoloxía de Cataluña, Barcelona. Así mesmo, é diplomado en Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria, título expedido pola Escola de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria, que funciona baixo os auspicios do Instituto Salazar y Castro, Consello de Investigacións Científicas, Madrid.

 Obras realizadas

É autor de O cancioneiro da Terra Chá (Sada - A Coruña, 1980), antoloxía de literatura popular; O escudo do concello de Pol (Lugo, 1985), na que se recollen as notas máis sobranceiras da historia e a xénese do emblema deste municipio; Cancións galegas (Lugo, 1989), nova contribución da Terra Chá á literatura popular; Heráldica de Pantón (Betanzos - A Coruña, 1998), exhaustivo estudio dos brasóns e as pedras armeiras deste concello do sur da provincia de Lugo; e Pantón, historia e fidalguía (Santiago de Compostela, 2000) na que se afonda en facetas interesantes para o coñecemento do pasado pantonés.