Naceu en Madrid, trasladándose despois a Vigo. Estudiou Bioloxía e nos anos 70 empezou a dar clase. Agora dá clase de Didáctica das Ciencias e Educación Ambiental na Universidade de Santiago de Compostela.
Aprendeu a escribir -ademais de lendo- redactando panfletos e artigos para revistas de partidos clandestinos (cando estudiaba). O primeiro que escribiu foi un conto sobre vampiros. En poesía escribiu Catálogo de Velenos, 1999 (Premio Esquío 1998). Entre as súas obras de narrativa destacan: Teoría do Caos, Xerais, 2001, Vigo (Premio Xerais 2001); A Compañía Clandestina de Contrapublicidade, Galaxia, 1998 (Premio A. Cunqueiro) e Lobos nas Illas (Xerais, 1996). Tamén escribiu libros de narrativa xuvenil e infantil, entre os que podemos destacar: A Expedición do Pacífico, Xerais, 1994 (Premio Merlín 1994 e premio da Crítica 1995); O trasno de Alqueidón, Xerais, 1996 (Ilustración de Miguelanxo Prado) (Premio Rañolas 1996); A banda sen futuro, Xerais 1999 (Premio Lazarillo 1999 e premio Lecturas 2001); Paxaros de papel, Xerais, 2001 (Ilustracións de Lázaro Enríquez)...
Pertence ó "Batallón Literario da Costa da Morte", paisaxe literaria onde están situados algúns dos seus libros e ó consello editorial de "Letras de Cal". Os seus libros están traducidos ó castelán, catalán, vasco e portugués. Durante o tempo en que existiu o cómic Golfiño, escribiu os guións da banda deseñada "Os Escachapedras", debuxados por Fran Bueno. Ás veces fai traduccións de Carrol ou da poetisa Sandra Cisneros. É unha gran viaxeira, e convén recordar un proverbio árabe: "Non hai que confiar nos viaxeiros pois contan moitas mentiras".