María Encarnación Lago González


Data de Nacemento: En 1962
Lugar de Nacemento: Barcelona
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Traballa no Museo Provincial de Lugo dende 1991. Neste centro desempeñou, entre outros, os seguintes cargos: Responsable do Departamento de Didáctica (1996-1999), Coordinadora de Asuntos Xerais (1999-2000) e Xerente do Museo provincial e do Museo Fortaleza, S.Paio de Narla (2000-2006).
Con motivo da constitución da Rede Museística Provincial en xuño de 2006, é nomeada xerente da mesa, cargo que desempeña na actualidade. A Rede de Museos de titularidade provincial está integrada por: Museo Provincial de Lugo, Museo Fortaleza de S. Paio de Narla, Museo do Mar de San Cibrao e Pazo de Tor).

 Obras realizadas

En exercicio dos distintos cargos que ocupou no Museo Provincial e na Rede Museística Provincial, participou como relatora e conferenciante en diversos foros sobre didáctica e xestión de museos. Entre outros: Universidade de Verán da Cátedra de Estudios Joaquín Díaz, Medina del Campo (2000), Museo Estatal de Varsovia (2001), IX Coloquio Galego de Museos, onde presentou o relatorio “A xestión do Museo de Lugo e a rede provincial de museos” (2006).
Foi comisaria de numerosas exposicións, organizadas e producidas polo MPL, algunhas de carácter internacional, entre outras: “Ars Moenia. Obra actual de artistas lucenses no MPL”, exposición itinerante presentada en Madrid, Lugo, León e nas cidades romanesas de Constanta e Kluj Napoca; “Sendeiros do pasado”, mostra de carácter etnográfico que se trasladou ó Museo Estatal de Varsovia (Polonia) o ano 2001; “Amor en las nubes” de Mónica Alonso no Museo de Arte Moderno y Contemporáneo de Valdivia (Chile, 2004) e “Am 34x24 vol.1”, exposición de Antonio Murado celebrada en Lugo e no Parlamento Europeo de Bruxelas o ano 2006.
Coordinadora de máis de setenta publicacións (guías, catálogos de coleccións e exposicións temporais...) editadas polos museos dependentes da Deputación Provincial de Lugo. En todas elas ten participado tamén como autora de textos introdutorios e artigos.
Colaboradora habitual de distintas publicacións como “Boletín do Museo Provincial de Lugo”, “Artesonado”, “Boletín Famislu”... nos que publicou artigos sobre diversos temas, entre outros “AM 34x24, vol.I. Pintura alegórica e autobiográfica de Antonio Murado. Papeis no ar despois da explosión”. O Centro Superior de Estudos sobre Oriente Próximo e Exipto da Universidade Autónoma de Madrid , publicou en 2005 un texto da súa autoría sobre a colección de lucernas Varela Dafonte e a exposición “Ilumina”. É tamén coautora co arqueólogo Enrique Alcorta Irastorza da monografía “Arqueoloxía romana no MPL”.
É autora ademáis de varios cadernos didácticos relacionados con actividades dos Museos da Deputación, por exemplo: “Eu son unha peza de Museo” (Caderno do alumno e Caderno do profesor) e “Pintura española dos séculos XIX e XX” (Caderno do alumno e Caderno do profesor).

 Outros datos de interese

Participou como integrante do xurado en numerosos premios de arte, tanto en Galicia como fóra de Galicia, entre outros: Becas do MACUF (2005), Fundación de Cultura de Valladolid (2002) e Premio Internacional de Cerámica, Concello de Córdoba.
Na súa etapa de Xerente do Museo Provincial de Lugo, esta institución foi galardoada cun dos Premios da Crítica de Galicia na modalidade de Ciencias e Artes da Representación, segundo recolle a acta do xurado “en recoñecemento á difusión da arte en Galicia, a través da transformación experimentada polo museo nos últimos anos, que permitiu unha dinamización e repercusión social e cultural, impulsada polo seu equipo de traballo que encabeza a xerente Encarnación Lago González”.