María Corina Porro Martínez


Categoría: Enfermeira e política
 Currículum

Enfermeira titulada pola Universidade de Santiago, Corina Porro exerceu profesionalmente no Hospital Xeral-Cíes e na Gardería Infantil 'Relfas' (Sárdoma, Vigo). Entre 1995 e 1999 iniciou a súa etapa política no Concello de Vigo onde foi concelleira de Benestar Social, Sanidade e Consumo, desenvolvendo numerosos programas de atención primaria e especializada, así como traballos de mellora das condicións sociais de colectivos marxinados (mendigos, familias desestructuradas, maiores, discapacitados, minorías étnicas e toxicómanos). Promoveu a creación do Servicio de Orientación e Información, fomentou a teleasistencia, puxo en marcha liñas de axuda á infancia, creou o Consello Municipal das Persoas Maiores e traballou pola erradicación do chabolismo e a prevención das drogodependencias elaborando o Plan Municipal de Drogas. Despois das eleccións municipais de xuño de 1999 converteuse en portavoz da oposición do grupo municipal do PP no Concello de Vigo. Un posto que pronto abandonaría, xa que en decembro dese mesmo ano foi nomeada directora xeral de Servicios Sociais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. En setembro de 2001 cesa como directora xeral para incorporarse ás listas do PP pola provincia de Pontevedra. O 21 de outubro de 2001 foi elixida deputada polo PP no Parlamento de Galicia e posteriormente nomeada conselleira de Asuntos Sociais. O 13 de decembro de 2003 toma posesión como alcaldesa de Vigo, a primeira muller na historia da democracia. O 14 de marzo de 2004 é designada Senadora pola Comunidade Autónoma de Galicia, cargo ao que renuncia a principios de 2006 en favor de Manuel Fraga Iribarne, e é ademais presidenta local do Partido Popular de Vigo desde 2004.

Desde as eleccións municipais de maio de 2007 compaxina o seu cargo como xefa da oposición no Concello de Vigo cun acta de deputada provincial, sendo ademais vicepresidenta da Deputación Provincial de Pontevedra.

Tralas eleccións de marzo de 2008 resultou elixida senadora pola provincia de Pontevedra.