Amancio Prada


Categoría: Cantautor
Data de Nacemento: En 1949
Lugar de Nacemento: Dehesas (León)
 Currículum

Estudiou Socioloxía na Universidade da Sorbona de París e levou a cabo estudios de harmonía, composición e guitarra cos mestres Michel Puig e Silos Manso. Trala súa presentación en París xunto a Georges Brassens en decembro de 1973, comezou as súas actuacións en radio, televisión e distintas universidades francesas.

 Obras realizadas

En 1974 gravou o seu primeiro disco en Francia Vida e Morte. Cando regresou a España en 1975 gravou o seu segundo disco dedicado a Rosalía de Castro e fixou a súa residencia en Segovia para dedicarse por completo á composición. Froito desta etapa son os traballos: Caravel de Caraveles, Canciones de Amor y Celda, Lelia Doura e Cántico Espiritual. En 1982 gravou Canciones y Soliloquios, sobre poemas de Agustín García Calvo e ó ano seguinte, trala súa presentación no Palau da Música de Barcelona, no Piccolo Teatro de Milán e no Teatro do Odeón de París, gravou De la Mano del Aire (1984) e Dulce Vino de Olvido (1985). En 1986 estreou Sonetos del Amor Oscuro, de Federico García Lorca, no Teatro María Guerrero de Madrid, baixo a dirección escénica de Lluis Pasqual e preparou o seu seguinte álbum A Dama e o Cabaleiro (1987), sobre a poesía neotrobadoresca de Álvaro Cunqueiro. En 1988 compuxo, en colaboración co escritor Manuel Vicent, as cancións do disco Navegando la Noche. En 1992 gravou un álbum dobre titulado Trovadores, Místicos y Románticos e dous anos máis tarde, en colaboración coa Compañía de Ballet de Luis Fuente, incorporou o espectáculo "Canciones en Danza". En 1994 editou Emboscados e en 1997 gravou Rosas a Rosalía (unha nova homenaxe á poetisa galega Rosalía de Castro) coa Orquestra Real Filharmonía de Galicia e xunto a Amelia Muge, Ginesa Ortega, María del Mar Bonet, Marisa Paredes, María Dolores Pradera, Martirio, Nuria Espert e as Pandereteiras de Baio. O disco Tres Poetas en el Círculo (Cunqueiro, Lorca e García Calvo) (1988) foi a súa primeira gravación "en vivo e en directo". De mar e terra (1999) é un traballo que entronca coa tradición oral. Escrito está (2001) é o seu álbum máis recente no que segue a súa busca permanente da emoción e a beleza.

 Outros datos de interese

Amancio Prada ten participado en numerosos festivais nacionais e internacionais e dado concertos, entre outras cidades do estranxeiro, en Roma, Estocolmo, Xenebra, Bos Aires, Nova Iorque, Lisboa, Caracas, Porto, Chicago, México, Rabat, Colonia, Utrecht, Ravena, Atenas, Bruxelas...