Benjamín Jartín López


Data de Nacemento: En 1926 (†7 de marzo de 2011)
Lugar de Nacemento: Meira (Lugo)
 Currículum

Procedente dunha familia de agricultores, herdou do pai a afección polos aparatos mecánicos e eléctricos e aprendeu electrónica por correspondencia, a técnica que logo lle permitiu manexar luces e sons. Marchou a facer o servizo militar á Coruña, onde quedou a vivir e onde morreu o 7 de marzo de 2011.

De cativo, Jartín encargábase de manexar o proxector do cine de Meira, Capitolio, que só abría os festivos. En 1950, na Coruña, empezou a traballar de operador de cabina no cine Ciudad. Foi o primeiro dunha longa lista de cines nos que Benjamín se ocupou de que as películas se visen e escoitasen coa máxima calidade.

Jartín foi xefe de proxeccionistas do circuíto Fraga, con máis de 40 cines ao seu cargo. Un dos cines no que máis traballou foi o Riazor. O seu compromiso co traballo de proxeccionista granxeoulle a felicitación de técnicos e directores que asistían a unha proxección e podían recoñecer a súa pericia para acadar un son impecable, unha imaxe nidia ou a suavidade e limpeza no cambio de proxectores.