Licenciado en Filosofía pura pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Maxisterio por Ciencias Sociais, é especialista en lingua galega e diplomado en galego pola Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Na actualidade, traballa como profesor no IES “Alfredo Brañas” de Carballo. Realizou diversos traballos de investigación e innovación educativa, impartiu cursos e actuou en diversas ocasións como conferenciante e en recitais de poesía.
Desde 1976 escribe habitualmente artigos en galego en diversos medios de comunicación: El Ideal Gallego, El correo Gallego, A Nosa Terra, Man Común e fundamentalmente en La Voz de Galicia, xornal no que leva colaborando desde 1979. Escribiu crítica literaria e política, comentarios sobre eventos históricos e temas de educación, entrevistas, etc. Durante varios anos, mantivo neste xornal a sección humorística “A Revolta” e posteriormente o epígrafe “Xanela aberta” ata o ano 2000. Na actualidade escribe semanalmente no xornal “Galicia hoxe”, baixo o epígrafe “Vento fresco”, artigos que tratan sobre aspectos destacables da sociedade contemporánea desde unha perspectiva galega e de crítica intelectual. Publicou os libros Xénese e apocalipse, Edicións do Castro (1981, poesía) e Manual para escritores e outras sátiras, Ed. Toxosoutos (1997, narrativa). Ademais, traduciu sete libros ó galego e publicou ensaios en diversas revistas como “Arco da vella” (“Nós, os heterodoxos”) e “Agalia” (“A realidade portuguesa no pensamento galeguista”). Continúa producindo obra poética e narrativa.