Manuel Fraga Iribarne


Categoría: Político e escritor
Data de Nacemento: 23 de Novembro de 1922 († 15 de xaneiro de 2012)
Lugar de Nacemento: Vilalba (Lugo)
 Currículum

Licenciado en Dereito e en Ciencias Políticas e Económicas. Doutor en Dereito, con premio extraordinario, igual que na licenciatura. En 1945 ingresou, por oposición, co número un da súa promoción, no Corpo de Letrados das Cortes Españolas; dous anos máis tarde ingresou na Escola Diplomática, tamén co número un. En 1948 obtivo a Cátedra de Dereito Político da Universidade de Valencia e, en 1953, trasladouse á de Teoría do Estado e Dereito Constitucional da Universidade Complutense. Ingresou en política en 1951 como secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica; despois foi secretario xeral do Consello Nacional de Educación (1953); secretario xeral técnico do Ministerio de Educación (1955-58), secretario da Comisión de Asuntos Exteriores das Cortes (1958-62), e director do Instituto de Estudios Políticos (1961). Entre 1962 e 1969, Manuel Fraga dirixiu o Ministerio de Información e Turismo. Tamén foi embaixador en Londres (1973-75); vicepresidente do Goberno para Asuntos do Interior e Ministro da Gobernación do primeiro Goberno da Monarquía (1975-76); e membro da comisión encargada da redacción da Constitución española de 1978. Foi deputado nacional e europarlamentario. Foi presidente da Xunta de Galicia desde 1990 ata 2005. Foi senador ata 2011.

 Obras realizadas

Manuel Fraga foi autor de 90 libros que, na súa maior parte, versan sobre ciencia política e Teoría do Estado. Como ministro de Información e Turismo impulsou a creación da rede de Paradores Nacionais; fixo de España unha potencia turística ata o punto de converter a este sector na primeira industria do país; e impulsou a aprobación da Lei de Prensa e Imprenta (1966), que, entre outras medidas aperturistas, suprimiu a censura previa. Como presidente da Xunta de Galicia, participou activamente no proceso de desenvolvemento autonómico, aumentando o teito competencial de Galicia, sen deixar de lado a xestión que conseguiu notables avances en materias como as comunicacións, crecemento económico, sanidade, educación ou proxección exterior.

 Outros datos de interese

Manuel Fraga foi doutor honoris causa por nove universidades. Foi membro de número da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas. Foi presidente fundador do Partido Popular e formou parte de diversas organizacións europeas como o Comité das Rexións ou a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa. Recibiu numerosas condecoracións nacionais e internacionais.