Licenciado en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, é na actualidade técnico editorial desta Universidade e profesor do Departamento de Lingua Española da UNED en Pontevedra.
Na vertente editorial é autor de diversos traballos, entre os que destaca Léxico editorial castelán-galego (1993). Ten publicado colaboracións en prensa, poesías, artigos e recensións de lingüística, literatura e lexicografía e traducido varios libros e textos ó galego (entre outros Monxes e mosteiros na Galicia medieval, 1995 e Os viquingos en Galicia, 1997). Sobriño neto do poeta e xornalista Roberto Blanco Torres, e intimamente comprometido coa restauración da súa memoria, é ademais de coautor de varias obras colectivas sobre a súa vida e obra, autor dos seguintes libros: Hipertensión cívica. Aproximación a la vida y la obra de Roberto Blanco Torres (1998), Roberto Blanco Torres (1999) e Roberto Blanco Torres (1891-1936). Unha fotobiografía (1999). Como poeta sitúase nunha liña nomeada existencial, perspectiva desde a que os seus versos formulan preguntas de dimensión universal. É autor dos poemarios Os signos, as mudanzas (2000) e Ruínas (2002). Actualmente prepara un poemario en castelán e un libro de relatos en galego.
Entre os cargos que ocupou, podemos destacar o de secretario da Comisión de Publicacións da Universidade de Santiago desde 1994. Foi colaborador da Enciclopedia Galega Universal, membro do xurado do XVII Premio Xerais de Novela (2000), convocado por Edicións Xerais de Galicia e patrono do Museo do Pobo Estradense “Manuel Reimóndez Portela”, A Estrada, (Pontevedra).