Lluis Bagaría


Categoría: Artista gráfico e humorista
Data de Nacemento: En 1882 (†En 1940)
Lugar de Nacemento: Barcelona
 Currículum

Cando era aínda un neno trasladouse coa súa familia a México, onde viviu ata os dezaoito anos aproximadamente. En 1902 aparece o seu primeiro debuxo de humor no xornal El Rector de Valfogona e un ano máis tarde, en 1903, fai a súa primeira exposición con Nonell e Josep María Xiró na Sala "Parés" de Barcelona. Nesta mesma sala realiza unha nova exposición en 1905, que supón unha revelación pola súa maneira de ve-las cousas superando ó modernismo. En 1906 colabora co semanario "Or y Grana" e coa revista catalana "De Tots Colors". En 1908 marcha a Cuba coa compañía teatral de Eric Borrás e alí faise amigo de Antón Vilar Ponte que, cando foi nomeado director do xornal Diario Español, lévao de director artístico. En 1911 regresa de Cuba e traballa en Madrid no xornal La Tribuna. En 1913 ven á Coruña cunha excursión organizada polo seu xornal e realiza unha exposición na Sala "Tizón". Ademais, encóntrase de novo con Antón Vilar Ponte que naquel momento colaboraba con La Voz de Galicia. En 1914 expón en Madrid con María Blanchard e Diego Rivera e un ano máis tarde empeza a colaborar cos xornais España e El Parlamentario. En 1917, expón na Galería "Bernhard Smith" en Londres e entra a colaborar no xornal El Sol no que seguirá ata 1936. En 1926 viaxa a Bos Aires, onde fai unha exposición que ten un gran éxito. Un ano e medio despois regresa a España e volve a traballar en El Sol. En 1936 pasa a colaborar en La Vanguardia e O Criticón. Despois da morte dun dos seus fillos deixa Barcelona en 1938 e marcha a París, onde realiza varias exposicións e colabora no xornal republicano Voz de Madrid, que acabou sendo censurado polo goberno francés.