Laura Alonso Padín


Categoría: Soprano
Data de Nacemento: En 1975
Lugar de Nacemento: Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Titulada en canto e en violín, amplía estudos na Musikhochschule de Karlsruhe, en Alemaña, coa prestixiosa bolsa Alexander von Humboldt, para traballar cos mestres Aldo Baldín, Anna Reynolds e Jean Cox.

 Obras realizadas

Con vintetrés anos entra no Ensemble do Alto Theater de Essen (Alemaña), onde interpreta Mimí, en La Bohéme, Gilda en Rigoletto, Susanna en Figaro, Zdenka en Arabella, Pamina na Frauta máxica ou Blanche en Carmelites, noutros roles. Recibe, ademais, o Premio á Artista máis destacada do citado teatro, concedido por votación popular.
Actúa regularmente en salas e teatros de renome internacional como o Auditorio Rishon Le Zion (Israel), Philarmonie de Colonia, Musikhalle de Hamburgo, Konzerthaus de Berlín e de Essen, Kruppel Saal de Hannover (Alemaña), Herodes Aticus de Atenas, Concertgebouw de Amsterdam ou Los Ángeles Auditorium (EE.UU), entre outros.
Como gañadora de varios premios en concursos internacionais de canto cómpre salientar o seu Primeiro Premio no último Certame Alfredo Kraus, xunto a outros como Franco Corelli, Verviers ou Jaume Aragall.
Actualmente canta con directores de recoñecido prestixio (como Ion Marin, Philipp Jordan, Stefan Soltesz, Carlos Kalmar ou Jiri Kôut) en importantes teatros europeos (Pisa, Düsseldorf, Mannheim, Leipzig, Darmstadt, Lübek, etc.), interpretando diversos roles operísticos como os de Antonia, Zerbinetta, Oscar, Lucía, Nannetta ou Sophie.
Colaborou con mestres de escena tales como Pilavachi, De Tomasi, Johannes Schaaf, Pontiggia ou Hilsdorf nos Festivais de Las Palmas de Gran Canaria e de Santander, no Festival de Royamount, na Expo de Hannover, no Festival de Otoño de Madrid ou na Semana da Ópera de Berlín entre outros eventos musicais.
Entre os seus últimos traballos sobresae o seu papel como Giulia, en La Scala di seta, que interpretou durante unha xira coa Freiburger Barockorchester, baixo a dirección do mestre Attilio Cremonesi. Ademais, debutou brillantemente con Ariadne auf Naxos na Staatsoper de Berlín. O seu debut no Festival de Innsbruck (Austria) co papel de Cleopatra na ópera Giulio Cesare, de Antonio Sartorio, valeulle o meritorio Diapason D’or da crítica francesa, contando ademais cun grande éxito do disco no competitivo mercado discográfico.
Mención especial merecen outros éxitos como a Magda de La Rondine, que interpretou recentemente en Utrech co mestre Gómez Martínez á batuta, así como as funcións de Salzburgo no rol de Sandrina, de La Finta Giardiniera, con motivo do ano Mozart.
As súas próximas actuacións terán lugar en Santander e A Coruña coa ópera Carmen e tamén nesta última cidade interpretará a obra The rescue of Penélope de Britten.
Pero o seu proxecto discográfico máis ambicioso é o CD de arias descoñecidas de Belcanto, un traballo de colaboración coa Orquesta Filarmónica de Málaga que foi publicado en decembro de 2006. Laura Alonso reside actualmente en Berlín e continúa o seu perfeccionamento musical coas mestras Anna Reynolds e Irmgaard Hartmann.