Cursou estudios musicais nos Conservatorios de Santiago de Compostela, A Coruña e o Real Superior de Madrid. En 1952, obtén praza como músico na Armada. En 1963, ingresa na Sociedade Xeral de Autores de España e no Corpo Nacional de Directores de Bandas de Música Civís e, en 1964, termina os seus estudios de Harmonía e Composición no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Realizou cursos de Pedagoxía e Dirección Coral cos mestres Rivó e Martorell. Participou en diversos cursiños de Música en Compostela e, en 1966 e 1967, nos Cursos Internacionais de Dirección de Orquestra, dirixidos ámbolos dous por Igor Markevich. En 1974, ingresa co número un no Corpo de Directores de Música na Armada, dirixindo a Música da Zona Marítima do Cantábrico ata xuño de 1977 e, desde esta data ata 1990, a da Escola Naval Militar de Marín.
Na Sociedade Xeral de Autores de España rexistrou obras de diversos xéneros entre as que se atopan dúas misas, o Padrenoestro e a Salve (con texto en galego e gravadas por Hispavox), obras corais a voces mixtas, poemas sinfónicos, cuartetos e quintetos para instrumentos de corda e de vento e, para Banda de Música, marchas militares e pasodobres. Á marxe do seu labor ó fronte da Banda de Música da Escola Naval Militar, foi profesor no Conservatorio de Pontevedra desde 1972 ata 1989 e, desde 1980, Director da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra.
Desde 1990, é o responsable da Cátedra de Formas Musicais, Harmonía e Composición no Conservatorio Superior de Santiago de Compostela. Escribiu o libro Cultura Musical.