Estudiou o bacharelato no Barco de Valdeorras e posteriormente estudiou Ciencias da Educación. Desde pequena dedícase a debuxar e pintar e considérase autodidacta, excepto un ano de estudios na Escola de Artes Aplicadas “Mestre Mateo” de Santiago. Levou a cabo as seguintes exposicións: “Galicia Solidariedade” (colectiva de ilustradores galegos pola paz e a convivencia), “As cores do vento” (colectiva de ilustradores), “Cores para a xente miúda” (colectiva de ilustradores, Sargadelos, Ferrol), “Otros pinochos españoles” (colectiva de ilustradores, Círculo de Lectores), “Rosalía ilustrada” (colectiva de ilustradores, Casa da Matanza, Padrón), cartel para o seminario científico internacional sobre o desastre do Prestige (Consello da Cultura Galega, marzo 2003), o cartel é unha homenaxe ós voluntarios, debuxo da portada do libro Efectos económicos, sociais e ambientais da marea negra do Prestige (A. Prada-Vázquez) e “A nosa literatura infantil e xuvenil” (2000).
É a autora e ilustradora dos seguintes contos: A aventura de Xanzolo (Xerais), Os Señores Meses (Xerais), Ola, son a lúa (Everest), O grilo Gastón (Everest) e A pequena árbore (Xerais). Ademais, ilustrou os seguintes contos: Oso mimoso (B. Graña), O Quirico lambón (B. Graña), Peter Pan nos xardíns de Kesington (J.M. Barrie), A campá da lúa (Helena Villar Janeiro), A casa de cartón (Concha Blanco), Que risa de rata (Ana M. Fernández), Carapuchiña vermella (Kalandraka) e Contos fantásticos II (Cabalo Buligán; Reigosa e Miranda). Ten feito libros de texto para Xerais, Edebé e Santillana-Obradoiro.
Foi seleccionada pola Consellería de Cultura para a Feira do Libro de Bolonia en 1997 e 2003 e preseleccionada para a lista de honra do IBBY polo seu conto Os Señores Meses. Foi ilustradora invitada na revista “Clij” en 1996 (nº 81) e participou en numerosos encontros en bibliotecas e colexios, dentro das campañas de lectura promovidas pola Consellería de Cultura. É socia de Agpi (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración).