Pilar Martínez Conde


Pseudónimo:Pilocha
Categoría: Cantante
Data de Nacemento: En 1957
Lugar de Nacemento: Vigo (Pontevedra)
 Currículum

Estudou Psicoloxía en Santiago de Compostela. Nos anos 70 comezou a cantar, formando parte de diversas formacións e correntes musicais importantes na historia da música galega con grupos, hoxe xa desaparecidos, como “De catro a catro”ou “Roi Xordo”, así como do “Movemento Popular da Canción Galega”, xermolo real e imprescindible na transición entre “Voces Ceibes” e a música que se fai hoxe en Galiza. Foi nos grupos desa época, rompedora por excelencia, a primeira vez que se xuntaban para tratar a música galega (incluso a tradicional) instrumentos eléctricos, ata ese momento vinculados a outros estilos, así como baterías e percusións diversas impensables na música galega ata entón.

 Obras realizadas

Gravou o seu primeiro disco co título xenérico de “Pilocha” en 1978 na serie “Xeira” de MoviePlay. Deste disco (que reeditou en formato CD Fonomusic) aínda hoxe soan bastantes cancións como “O sancristán de Coimbra” ou “Alecrín”, que marcaron unha época.
Ao mesmo tempo que traballaba co seu propio grupo, compaxinaba a actividade musical, xunto co traballo como contralto do Grupo Universitario de Cámara de Compostela, co que gravou o primeiro disco da formación, cantando as cantigas de Martín Códax e Alfonso X.
Con calquera das dúas formacións, tivo a sorte de poder amosar o seu traballo en diversas cidades de Europa como Londres, Colonia, Maguncia, Bruxelas etc., así como en moitas cidades de España e, por suposto, en toda Galiza.
En 1980, presionada pola discográfica que prefería que gravara en castelán, e un pouco cansada da situación que a obrigaba polas condicións do contrato a permanecer coa mesma, decidiu darse un descanso e marchou de Galiza para vivir en Andalucía.
Ao seu regreso, tivo a sorte de que moitos compañeiros da música chamárona para convidala a participar nos seus concertos ou nas súas gravacións como o grupo “Milladoiro”, co que fixo varias actuacións en directo e gravou unha canción no disco “Gallaecia Fulget” (1995) que conmemora o V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela e outra na segunda entrega do Xabarín clube (A cantar con Xabarín) (1996).
Grazas a este reencontro xurdiu a posibilidade de facer un novo disco con Antón Seoane, un dos membros do grupo “Milladoiro”, que pensaron e levaron a cabo sobre textos de amor escritos por mulleres da poesía galega, e así naceu “Calamidá sentimental” (1998).
Na gravación participan tamén amigos e compañeiros de profesión como Rodrigo Romaní e tódolos membros de “Milladoiro”, Laura Quintillán, Quico Paz Antón do grupo “Na lúa”, Anxo Pintos de “Berrogüeto” e as mulleres do grupo “Leilía”. Tódolos textos das cancións pertencen á obra escrita de nove poetisas galegas, todas elas contemporáneas, agás Rosalía de Castro, quen está tamén no traballo por dereito propio como nai de todas elas. Este disco foi premiado como mellor traballo melódico nos Premios Luar da TVG en 1999.
No ano 2000 gravou co grupo “Milladoiro” a canción da Marcha Mundial de Mulleres que representa a Galiza en tódalas manifestacións relacionadas coa citada Marcha con un texto feito ex-profeso por Carmen Blanco e o retrouso internacional con que se cantou en todo o mundo.
Pouco despois do comezo da emisión da Televisión local de Lugo presentou e dirixiu un programa mensual consistente nunha tertulia de mulleres que levaba por título “Feminino Plural” e que permaneceu en antena varios anos.
Dende 2002 ven traballando coa compañía Teatro do Atlántico, dirixida por Xulio Lago, en recitais poético-musicais na procura de espalla-la poesía galega do século XX baixo o título de “Ecos e voces dun tempo e un país”.
En 2004, novamente con Antón Seoane e xunto con outros moitos colaboradores, gravou o disco orientado a público infantil “Lambón, cancións para os croques”.

 Outros datos de interese

No mes de outubro de 2006 formou grupo con un trío (piano, baixo e batería) cos músicos Xavier Constenla, Quique Alvarado e Miguel Cabana, cos que fixo unha xira por Arxentina e Uruguay convidados pola Consellería de Cultura.
Participou na gravación dun disco con cantos tradicionais de Nadal que viu a luz o pasado decembro baixo o nome “O Quiquiriquí”.
Está a piques de rematar a gravación dun disco, que forma parte dun amplo traballo xunto con poetas, pintores e outros profesionais da cultura que recorda as figuras de nove “paseados” nas aforas de Baiona encargado polo Instituto de Estudos Miñoranos.
Na actualidade traballa nun recital sobre a memoria histórica chamado “Memoria do 36” no que se “recrean” a República e a guerra civil, facendo uso de material poético e musical da época así como de escritos e cancións feitos posteriormente como lembranza. Neste recital traballa con tres actores e un pianista. Tamén leva, xunto coa actriz, María Barcala, recitais poético-musicais polos Institutos de ensino secundario de Galiza.
Igualmente na actualidade traballa na montaxe da obra teatral “A bombilla máxica” de Woody Allen, dirixida por Xulio Lago, como asesora musical e auxiliar de dirección coa Compañía Teatro do Atlántico.
Musicalmente traballa con músicos profesionais en diversas formacións levando as súas cancións en recitais. Tamén fai estudos profesionais de canto lírico no ensino oficial de Conservatorio no 6º curso e prepara a gravación doutro disco.