Realizou películas en Super8, cineclubismo, crítica cinematográfica e artigos sobre cine galego nos anos setenta. Realizou o guión do vídeo Veneno Puro (1984), das longametraxes Continental (1989), A metade da vida (1994) e Arde amor (1999). Así mesmo dirixiu as longametraxes A metade da vida e Arde amor. Impartiu tamén o curso de posgrao sobre dirección cinematográfica "A metade da vida: do guión literario ó filme", organizado pola Universidade da Coruña dentro dos estudios para a obtención do título de Experto en estudios teatrais (xaneiro-marzo de 1997). É autor do libro Esta noite no cinema, colección de análises de seis filmes clásicos (París, Texas; The Hustler, Viskningar och Rop; Arrebato; Eraserhead e Kagemusha) de próxima publicación. Mantivo unha sección de opinión na edición dos domingos do xornal La Voz de Galicia durante o período 2000-2001, participou nas "Xornadas do Ensino 2001", celebradas na Coruña do 13 ó 19 de setembro do 2001, onde desenvolveu unha análise comparativa dun filme dirixido por J. Boorman e un texto de R. Cabanillas (A Demanda do Centro: Excalibur/Na noite estrelecida) e publicou un informe realizado para o Consello da Cultura Galega titulado "A lingua do noso audiovisual", na "Revista Galega de Filoloxía" nº2, 2001.
O vídeo Puro Veneno conseguiu entre outros os seguintes premios: Premio I Festival Nacional de Vídeo 1984 (Madrid), premio Internacional Moniteur, e premio Up & Down 1984 (Barcelona). A longametraxe Arde amor conseguiu varios premios, incluíndo varios nos Estados Unidos, os premios AGAPI 2000 ó mellor guión, mellor montaxe e mellor producción.