Emigrou a Bos Aires con 16 anos, traballou como empregado dun comercio e en 1870 ingresou no cuartel dos vixiantes-bombeiros (en 1873 corpo de bombeiros) do que chegou a ser primeiro xefe en 1881. En 1890 loitou en defensa do Goberno durante a "Revolución de xullo", polo que foi nomeado coronel do exército.
Escribiu varias obras especializadas sobre os incendios e a súa prevención, como por exemplo Materiales para incendios, tamén elaborou o plan de defensa contra incendios de Bos Aires.
Puxo en marcha unha escola oficial de bombeiros e creou unha escola para acabar co analfabetismo no corpo. Foi nomeado membro honorífico de corpos de bombeiros de varios países, recibiu moitas distincións, destacando a "Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica" e representou a Arxentina en congresos internacionais de manobras para bombeiros (París e Turín).