É redactor gráfico do xornal El Progreso e unha das figuras máis destacadas da fotografía dixital en Galicia. Desde que se iniciou na fotografía artística, en 1973, realizou polo menos unha exposición anual dos seus traballos, ademais de participar noutras colectivas, tanto artísticas como de fotoxornalismo -dentro do ámbito xornalístico, ademais de colaborar con numerosas publicacións de tirada nacional. Foi correspondente gráfico da Axencia EFE (ata 1988) e delegado da Asociación de Informadores Gráficos de Prensa (ata 1997). A súa toma de contacto coa fotografía dixital chega en 1995. Un ano despois, co patrocinio de Caixa Galicia, realiza a súa primeira exposición de imaxes dixitais, a primeira destas características que se puido ver en Galicia. Desde entón, protagonizou outras catro mostras de fotografía dixital, a última delas en outubro de 2001, na sala "Almirante", con temática urbana. O seu traballo caracterízase polo uso dos instrumentos dixitais sen renunciar ós soportes clásicos da imaxe, como os negativos en branco e negro, que despois transforma co ordenador.
É o autor dos seguintes libros: Lugo, cita con dos siglos (Deputación Provincial de Lugo, 1984), Dueños de la luz (Deputación Provincial de Lugo, 1990), Lugo, fin de século, (Arquivo Histórico Municipal de Lugo), Fotoxornalismo (Xunta de Galicia, 1991), que reúne ós principais fotógrafos de prensa galegos. En 1995, con motivo do quinto aniversario do "Festival de Jazz de Lugo", publica un libro recopilatorio con imaxes dos cinco anos desta cita musical. No ano 2002 a revista 'Digital Foto' no seu número de febreiro edita un portafolios con 7 fotos súas.
páxina web: www.pepealvez.comwww.alvezexpresiones.cjb.net