Ruth Fernández Fernández


Categoría: Filóloga
Lugar de Nacemento: Lugo
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

Opinión
 Currículum

É licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, na que realizou colaboracións co Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, dentro da área de Literatura Española. Ó rematar a carreira o seu expediente académico obtivo o número dous de Galicia e o primeiro da USC na convocatoria de Premios Fin de Carreira do curso 2002-2003. Durante o período de estudio participou na organización de eventos académicos, colaborando nas II Xornadas Intercampus de Lingüística e na organización do Congreso Internacional de Lingüística: "Léxico y Gramática". No curso académico 2003-2004, defendeu en acto público a súa Memoria de Licenciatura, titulada "A Provincia de Lugo na obra xornalística en castelán de Ánxel Fole", recibindo por parte do tribunal reunido ó efecto a máxima nota de Sobresaínte. Ademáis concedéuselle o Premio Extraordinario de Licenciatura da Titulación de Filoloxía Hispánica.

 Obras realizadas

No eido do Xornalismo, gañou o 'Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela', na súa novena edición, pola serie de traballos publicados sobre o fomento da lectura, sendo a primeira muller que recibe este galardón. Os textos editados merecedores do 'IX Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela' foron os titulados 'Como cabeceira' e 'Un libro para o verán'.
É colaboradora habitual de xornais como Galicia Hoxe, no que se publicou o traballo 'Nadal miúdo', merecedor do XXXVII Certame de Xornalismo 'Begonte e o Nadal' (xaneiro 2013). Ademais, vencellados a ese certame, teñen sido recoñecidos os traballos titulados: ‘Xuntos no Nadal de Begonte’ e 'A viaxe de Iris', galardoados con sendas Mencións de Honra no XXVIII e no XXXV Certame Xornalístico do Nadal de Begonte, respectivamente. Tamén o texto 'Frenético Nadal' foi merecedor do 2º Premio no XXXII Certame Xornalístico 'Begonte e o Nadal' (xaneiro de 2008).
Foi merecedora dun Accésit no I Premio Xornalístico sobre Montefurado (Concello de Quiroga, decembro 2005), polos textos 'Montefurado, o paraíso por descubrir' e 'Viaxe por Quiroga e lembranza de Montefurado'.
Foi colaboradora habitual do xornal que precedeu a Galicia Hoxe, O Correo Galego, tanto na sección de Opinión como no suplemento dominical chamado Lecer. Ten colaborado de xeito continuado con La Voz de Galicia e El Progreso, o diario local. Neses diarios ten editado textos de diversa índole, traballando diferentes temas, como nos Especiais en La Voz de San Froilán do 2003 e 2004, e tratando os distintos xéneros periodísticos ao longo de varios anos. Ademais, colaborou en distintas revistas como foi a impulsada polo Concello de Lugo, Lugoxove, a editada dende a Facultade de Humanidades de Lugo, Evohé, ou Aquí e agora (IES Xograr Agonso Gómez de Sarria), Faíscas (IES O Couto, de Ourense), ademais de participar no primeiro número da revista da Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Pedra Rosetta, entre outras como Entelequia, etc.
Tamén publicou artigos e recensións en medios de difusión cultural no ámbito científico como a revista da Universidade de Santiago de Compostela, Moenia (recensións de obras como ‘Pedro Salinas: Cartas a Katherine Whitmore. El epistolario secreto del gran poeta del amor’ e ‘Yunque. Periódico de vanguardia política [Lugo, 1931-1932]’ ou a ‘Entrevista a Xosé Luís Axeitos, Secretario da Real Academia Galega’, entre outras achegas). En Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, de Edicións do Castro, publicou estudos como ‘A represión na novelística galega da Guerra Civil’, ‘Tres vidas truncadas: Carmen Sarille Lenceiro, Manuela Graña Rico e Virginia Meilán Varela. As Mártires de Montecubeiro’ (no Ano da Memoria Histórica) ou a ‘Entrevista a Xosé Luís Bóveda, fillo de Alexandre Bóveda’, por citar algún traballos.
Participou como crítica literaria dos textos recollidos pola colección "Biblioteca 120" do Grupo Voz cunha recensión sobre a obra de Camilo Gonsar, Cara a Times Square, que foi recollida no libro Crítica e autores I editado pola Voz.
En La Voz de Galicia, ademais de encargarse de distintos especiais, publireportaxes e suplementos (dende xuño de 2003 ata xaneiro de 2007 de xeito continuado), escribiu columnas de opinión e reportaxes (na edición de Lugo, dende agosto de 2003 ata setembro de 2006), participou nas páxinas literarias dos ‘Relatos de verán’ xa no ano 2000 e na sección ‘Sólo para lectoras (Rincón del lector)’ entre abril e xuño de 2002.
Fixo a tradución ó galego da obra literaria "Se ahorcó el Pelirrojito", conto do autor Luis Sánchez-Cuñat, cónsul honorario da República do Ecuador, publicada baixo o nome de "Aforcouse o rubiño" no número 16 da revista Antípodas, editada en Australia.

É autora do libro titulado A provincia de Lugo na obra xornalística en castelán de Ánxel Fole, un traballo de investigación que se centra na análise e compilación dunha gran cantidade de artigos de prensa de Fole referidos á zona do interior e á costa de Lugo, percorrendo as terras de montaña, a Terra Cha, o Val de Quiroga o Incio e A Mariña, entre outras zonas. Baixo forma de libro foi editado polo Servizo de Publicacións da Excma. Deputación Provincial de Lugo e presentado o día 2 de febreiro de 2006.
Tamén é coautora do libro Historia do Orfeón Lucense, editado pola agrupación coral coa colaboración de distintos organismos públicos (Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo, Xunta de Galicia, etc.)

 Outros datos de interese

Amante da lectura, do cine, da música, da maxia e da fotografía, recibiu tamén o Accésit correspondente na modalidade de Tema Libre no XI Maratón Fotográfico do Campus pola obra 'Ollada Cautiva' (xuño de 2005), cunha fotografía escollida para anunciar a mostra-exposición que se celebrou en Lugo e Santiago de Compostela ao curso seguinte. No eido da fotografía recibiu dous accésits máis por traballos relacionados co Nadal, un no Maratón Fotográfico organizado polo Museo Provincial (2002) e outro no 3º Concurso Fotográfico "Premio Nadal Cidade de Lugo", promovido polo Concello.
Segue a colaborar activamente co xornal Galicia Hoxe, dende que pechou a súa edición en papel e só ofrece a versión dixital. Tamén ten editado diferentes textos neste portal.
Volvendo á literatura, gañou o premio de Relatos Curtos axustándose á temática de cada mes do Concello de Lugo en xuño de 2001 co texto "Pegadas na cidade", o segundo premio no Certame de "Cartas de Amor" organizado pola Oficina de Información Xuvenil no ano 2002 e o segundo premio no concurso de Relatos Curtos da "Semana Cultural" da Escola de Idiomas en 2003, polo conto "A saia".