É licenciado (premio extraordinario) e doutor (premio extraordinario) en Ciencias Económicas pola Universidade Complutense, máster e doutor en Economía pola Columbia University (Nova Iorque, EE UU). Foi bolseiro da Fundación Fullbright e do Banco de España. Traballou como consultor para o Banco Mundial (BIRD) e para a Comisión das Comunidades Europeas, así como para outros organismos nacionais e estranxeiros. Desde o 20 de marzo de 1988 é catedrático de Facenda Pública e Sistema Fiscal da Universidade Complutense de Madrid. Desenvolveu tarefas de coordinación e dirección de proxectos de investigación no Grupo de Estudios do Gabinete do Secretario de Estado de Facenda (Ministerio de Facenda), no Servicio de Estudios do Banco de España e no departamento de Investigacións Económicas da Fundación FUNCAS (CECA). Foi profesor do Centro de Estudios Monetarios e Financeiros (CEMFI, Banco de España) e do extinto Máster de Facenda Pública (Instituto de Estudios Fiscais, 1987-1996). Foi director do Departamento de Facenda Pública e Sistema Fiscal da Universidade Complutense de Madrid (1986-1998), vicepresidente da Asociación Española de Economía Pública, membro do consello do Padroado da Fundación CEMFI desde xaneiro de 1966. Desde xullo de 1994 é membro do Consello de Goberno do Banco de España, pertencendo á executiva desde xullo de 1998.
Especialista en fiscalidade, gasto público, orzamento e xestión pública, publicou os seus traballos en máis de 40 libros e dous centos de artigos nas principais revistas profesionais nacionais e estranxeiras. É membro dos consellos de redacción de "Papeles de Economía Española" (1987-1994), "Revista de Economía (1989-1992), "Hacienda Pública Española" (1990- ), "Investigaciones Económicas" (1990-1994), "Economistas" (1996- ) e "Spanish Economic Review" (1997- ). Tamén é membro do International Institute of Public Finance e da European Assocition. Entre as súas obras máis recentes destacan: A cost-benefit analysis of going from low inflation to price stability in Spain (con J. J. Dolado e J. Viñals); The cost and benefits of price stability, National bureau of Economic Research-University of Chicago Press, Chicago, 1999 e Economía Pública (2 tomos,), Ariel, Barcelona, 2000.
Ten dous fillos e entre as súas afeccións destacan o esquí, kaiak, hóckey a patíns e sendeirismo. Ten a súa segunda residencia fixada en San Xoán de Covas (Viveiro-Lugo).