Posúe os títulos de auxiliar xoieira (ano 1999, cunha duración de 600 horas), xoieira (duración de 900 horas e conseguido no ano 2000), Escola CEIG de Vigo e de xemóloga, dous anos académicos finalizados en xuño de 2003, Universidade de Barcelona – Escola Técnica de Xoiería do Atlántico (Vigo). Para completa-la súa formación ten realizado diversos cursos de enfilado de colares e de esmalte de xoias.
Polo que respecta á súa experiencia profesional, ten participado en exposicións (‘900 horas de Joyería’, ‘Art´Istal’ ...), feiras (Festival Intercéltico de Moaña, Feira Multisectorial do Miño, ...) e desfiles de moda (Gala Super Model España 2001, Desfiles Presentación en Luar, ...) realizados en Galicia, con xoias exclusivas. Participou nas tres últimas edicións da Feira Internacional de Bisutería Euro-Bijoux, celebradas en Mahón – Menorca, sendo finalista no ano 2002 e nunha exposición de xoias no Salón Internacional de Reloxería e Xoiería de Múnic ‘Inhorgenta Europe’, Alemaña (febreiro de 2003).
Así mesmo, presentou coleccións en publicacións tan prestixiosas como a revista ‘Arte y Joya’ dos meses de marzo e abril de 2003, cunha reportaxe especial dedicada a novos deseñadores e a Colección Drago´s no xornal ‘Gold & Time’ do mes de xullo de 2003 e na Guía Cultural de Artistas de Galicia da Xunta de Galicia.
Na temporada Primavera – Verán 2003 presentou tendencias na Galería de Xoias ‘Doble G’ de Madrid e na temporada Outono – Inverno participou na gala final para a selección da Chica Interviú Galicia 2003 con motivo da presentación das novas creacións.
Ademais, participou en diversos concursos no ano 2004 como o Certame ‘Antonio Fraguas’.
Na actualidade, compaxina as tarefas docentes como xemóloga titulada na Escola Técnica de Xoiería do Atlántico coa creación de xoias exclusivas e o deseño e a realización de múltiples escaparates, principalmente no sector da xoiería.