Estudiou o bacharelato en Ourense, onde fundou e dirixiu "Posío", revista literaria recentemente editada facsimilarmente pola Xunta de Galicia. Foi discípulo de Vicente Risco. Estudiou Letras en Santiago, que acabou en Madrid en 1946. Doutor en Filoloxía Románica pola Universidade Complutense de Madrid (1948), Dr. Phil. pola de Colonia (Alemaña, 1956) e Doutor Honoris Causa pola Universidad Nacional del Sur (Arxentina, 1997). Actualmente é catedrático emérito da Universidade Complutense de Madrid (desde 1989) e catedrático en activo da University of Texas en Austin (desde 1990). Foi lector de español na Universidade de Colonia, secretario xeral do Instituto de España en Munich (1956 e 1957)e catedrático de Literatura Española (La Laguna, Valladolid e Madrid), foi decano de Filosofía e Letras (La Laguna), de Ciencias da Información (Madrid), secretario xeral da Universidade Internacional de Canarias (As Palmas), vicerrector da Universidade Complutense (Madrid), Gastprofessor das Universidades de Colonia, Innsbruck e Salzburg e visiting professor (California, Virxinia e Texas).
O seu labor crítico dirixiuse preferentemente á literatura moderna de España, á literatura en lingua galega e ás relacións literarias hispanoalemanas. É·autor de máis de 150 títulos, entre eles destacan: Poesía y Restauración Cultural de Galicia (Madrid, Gredos, 1958); La palabra y la llama (Madrid, 1968); La transfiguración literaria (Madrid, 1970); Larra y España (Madrid, 1983); Tradición e innovación en Cunqueiro (Santiago, 1991); Cervantes, Vossler y la ciencia literaria...
Foi Invitado de Honra do Centro Galego de Bos Aires para as súas Xornadas Galegas (xullo de 1968). Conseguiu o Premio Nacional de Literatura "Miguel de Unamuno" para Ensaio (1970). Foi galardoado coa Gran Cruz do Mérito Civil e coa Medalla de Galicia.