José Armando Cotarelo Álvarez


Categoría: Profesor de música
 Currículum

Cursou estudos nos Conservatorios de Lugo e Ourense e ten máis de corenta anos de experiencia en distintos estilos musicais. En música lixeira iniciou a súa actividade ós dezasete anos no conxunto músico-vocal lucense “Los Magos”. Nas décadas sesenta e setenta formou parte do conxunto titular do Círculo das Artes de Lugo, “Los Alesandi”, cambiando nos oitenta o nome por “Alquitara”.

 Obras realizadas

É socio da Sociedade Xeral de Autores e Editores e na súa primeira etapa compuxo varios temas dos que acadaron éxito comercial, dúas cancións en lingua galega: "Lonxe do lar" (editada por EDIGAL S.A.) e “Carmela", cantada por Fedry e editada por Ruada(posteriormente EDIGAL S.A.). Tiveron unha excelente acollida comercial e nos medios de comunicación audio-visual co estilo balada, tipo de canción que parecía reservado ás linguas castelá ou inglesa. En 2004 e por encargo da Asociación Cultural da Fonsagrada “Antaruxas e Sorteiros”, organizou e deu nome á Coral Polifónica “Souto do Reiseñor”. A pesar de ter abandonada a faceta compositora, como homenaxe a estas xentes, en 2005 estreou a obra coral a catro voces mixtas titulada "Camiñando por A Fonsagrada". No apartado de música clásica especializouse en temas españois para guitarra de principios do século XX. Tamén fundou –co protectorado do Círculo das Artes- o grupo de cámara “ARCO”, que tiña a particularidade de estar formado só por profesores de guitarra. Foi socio da “Agrupación Guitarrística Galega”. Unha das súas inquietudes musicais desde o inicio da dirección musical en roldas e outras agrupacións corais foi e segue sendo o enxalzamento do nivel estético e concertístico da música galega, xa recuperando obras de calidade ou a través de harmonizacións propias de temas populares.

 Outros datos de interese

Foi director do Orfeón Lucense.