É profesor de ESO e exerceu en varios centros, entre os que figura a Escola de Orientación Marítimo-Pesqueira. Ademais da súa participación en campañas de alfabetización de adultos en África, Jaime Pita é diplomado en Técnicas Directivas polas Universidades de Navarra e Santiago. Entre os cargos que ostenta podemos destacar: Presidente do Comité Local do PP de Betanzos, membro da Xunta Directiva e a Executiva Provincial da Coruña, da Interparlamentaria Popular Galega e do Comité Executivo do PPdeG, así como vicesecretario provincial do PP. É, ademais, deputado no Parlamento de Galicia desde 1989, onde exerceu distintas tarefas como a de portavoz adxunto do Grupo Popular, portavoz de Educación, secretario da Comisión de Economía, membro da Deputación Permanente, portavoz da comisión non lexislativa para as relacións co Consello de Contas e, desde 1997, portavoz do Grupo Parlamentario Popular, portavocía que compaxina desde febreiro de 1999 co cargo de Conselleiro da Presidencia.
É viúvo e pai de dúas fillas.