É Catedrático de Historia de Arte Moderna e Contemporánea na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago desde 1986. Realizou estudos de Filosofía e Letras (Sección de Historia e Xeografía e Sección de Historia da Arte), na Universidade de Santiago de Compostela, que rematou en ambas as dúas licenciaturas con Premio Extraordinario. Nesta Universidade realizou o Doutoramento con Sobresaínte “cum laude” e Premio Extraordinario. É Académico correspondente, competente en Arte, da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.
A súa produción científica abarca unha vintena de libros e máis de douscentos estudos publicados nun amplo número de revistas de investigación.
José Manuel García Iglesias foi presidente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais entre os anos 1993 e 1997. No ámbito da organización cultural e, en concreto, dos proxectos expositivos, estivo ó fronte de “Galicia no tempo” (1990-1991), “Galaecia Fulget” (1995-1996), “Galicia, Terra Única” (1997), Xacobeo 99 e Xacobeo 2004. Desde novembro de 2005 ocupa o cargo de Director da Acción Sociocultural de Caixa Galicia.