Fillo de Perfecto e Palmira, ten cinco irmáns. Empezou os seus estudos na Escola de Sabucedo, despois en El Pasaje (A Garda, Pontevedra), xunto ao río Miño, en Carrión de los Condes (Palencia) e Seminario de Comillas (Santander). De alí a Salamanca, xa como novicio Xesuíta e en 1954 o salto a Brasil.
En Brasil continuou os estudos superiores de Filosofía en Nova Friburgo (Estado do Río) e Teoloxía en São Leopoldo (Estado do Río Grande do Sul), onde foi ordeado sacerdote en 1962. En 1965 recibiu o seu primeiro destino: Belo Horizonte (Estado de Minas Gerais) como orientador de mozos candidatos a Xesuítas.
En 1971 novo destino: Juiz de Fora, Colegio dos Jesuitas, fundado en 1956, con só 15 anos de vida. En 1982 foi destinado ao Colexio São Luís de São Paulo, despois de pasar un ano no colexio Apóstol de Vigo, dos xesuítas.
De São Paulo, a Salvador, onde empezou a traballar no Colexio Antonio Vieira, en 1989, un colexio que daquela tiña 5.000 alumnos. Finalmente en 2002 foi destinado de novo a Juiz de Fora onde o rector estaba cunha enfermidade grave do corazón e necesitaba de axuda. E aí está!
Xa foi profesor, titor... pero o seu traballo principal actualmente é a orientación dos alumnos, entendida nun senso moi amplo, onde entra teatro, ensaios, atendementos a alumnos e pais, excursións, días e tardes de formación, xornal mural (www.muraljoia.com.br)...
Tamén axuda fóra do colexio na parroquia veciña de San Mateo onde celebra misa os domingos e acompaña un grupo de mozos que o invitou a reunirse con eles os sábados ao final da tarde. Tamén escribe comedias, historias, contos... sobre todo para uso interno. Publicou algunhas cousas relacionadas coa familia.