Entrou no Seminario de Mondoñedo aos 20 anos, e cursou alí os estudios eclesiásticos durante outros nove anos. Ordenouse sacerdote en xuño de 1932, con 29 anos de idade e un especial desexo de servir a Igrexa con plena dedicación e espírito submiso.
Os dous primeiros anos de ministerio pastoral pasounos en Mondoñedo como Secretario particular do Bispo, pero buscando sempre as súas “afeccións” máis queridas: a catequese e o contacto apostólico coa xuventude. Estas mesmas actividades foron tamén a súa teima permanente como Párroco en Guitiriz (1935-38), e en Vilalba (1938-47). Aquí deixou unha semente evanxelizadora da que aínda recollemos agora froitos abondosos.
Pero onde se extremou a súa entrega foi na atención ós pobres e enfermos, que o tiñan sempre á súa disposición. “O calificativo de “santo” era como un refrendo desa gloria que acompañou a D. Gabriel: os pobres enxalzárono e o pobo proclamouno. ¿Quén dá máis? (Chao Rego).
En 1947 Don Gabriel foi chamado a Mondoñedo como Director Espiritual do Seminario. Foi unha breve experiencia, que lle abriu camiño para volver á súa terra ferrolá a partir de 1953, como Párroco de N.Sra. das Angustias (barrio de Esteiro), o logo da Concatedral de S. Xiao. Aquí pasou 15 anos practicando a súa pastoral máis comprometida, especialmente no mundo da pobreza e da conflitividade social, entón moi incisiva nas loitas obreiras daqueles tempos. El foi sempre un instrumento de paz, aínda que lle custase conseguila.
Tendo en conta a súa delicada saúde, polo que precisaba saír periodicamente a algún balneario ou casa rural para recuperarse, o Bispo Mons. Argaya trasladouno a Mondoñedo en 1968 como Cóengo da Catedral. Pero neste novo cargo –que en principio parecía máis levadeiro- viuse rapidamente sorprendido pola elección como Vicario Capitular, no período de “sede vacante” que deixou Mons. Argaya, trasladado a San Sebastián.
E así foi en realidade durante os vinte meses que durou o seu Vicariato Capitular. Houbo procesamento de dous sacerdotes polos conflitos laborais de Ferrol. Houbo tamén outros problemas referidos ao goberno ordinario da Diocese e das obras que se levaron a cabo. Pero Don Gabriel trataba de poñer en todo o espírito de San Paulo, tal como recollía nunha das súas cartas circulares: “no te dejes vencer por el mal, sino vence el mal a fuerza de bien”.
Cando chegou o novo Bispo (Mons Araújo Iglesias), Don Gabriel foi designado Vicario Xeral (setembro 1970), e durante outros seis anos puido seguir salpicando a súa vida de servizos e de doenzas, xa que levaba no seu corpo -como S. Paulo- “os sinais de Xesús”.
Texto: Uxío García Amor