Martiño Maseda Lozano


Categoría: Escritor
Data de Nacemento: 28 de novembro de 1970
Lugar de Nacemento: Xoibán, Vilalba (Lugo)

Opinión
 Currículum

Tras estudar EXB nunha escola unitaria mixta da súa parroquia, estudou BUP e COU no Instituto Lucus Augusti da capital lucense. Posteriormente, realizou o primeiro ciclo da Licenciatura de Filoloxía Hispánica no Colexio Universitario de Lugo, para completar o segundo ciclo na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, na cal se licenciou en febreiro de 1994. A pesar diso, co paso inexorable do tempo advertiu que non tiña a suficiente vocación para exercer a docencia e que a tarefa da investigación filolóxica resultáballe naquel momento demasiado ardua. O seu era mergullarse no salvaxe océano da fantasía literaria, cando sentía tal inclinación ou cando as ninfas da inspiración decidían facerlle compaña.

E, aínda que de neno xa chegara a relatar pequenos sucesos que non transcenderon máis aló dunha infantil inquedanza, a súa andaina literaria naceu no berce dos certames literarios, a mediados dos anos 90, tendo que compaxinar tal afección primeiramente con algún que outro traballo esporádico (distribución de prensa diaria, clases particulares...) e despois co proceso da Prestación Social no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, dirixido por D. José María Ramil Soneira. Este período serviulle para desenvolver tarefas de catalogación de anacos da nosa historia evolutiva como pobo ou de apoio na conservación e difusión do patrimonio histórico. Finalizada a devandita etapa de labor social e cando se atopaba inmerso na realización de cursos de formación ocupacional, chegou o seu primeiro agasallo literario, 2º Premio no Certame Xuventude-98 de Narración (1998), organizado pola Xunta de Galicia. De seguido, resultou gañador no Concurso Ourense de Contos para a mocidade (1999) e tamén no Premio de Poesía, O Poeta Azul de Ferrol (2000), seguindo no ano 2001 co 3º Premio no Certame Ágora Conto. Despois dun ano de sombras, volveu acenderse o fulgor das letras no ano 2003 cunha mención no IV Certame Ágora Conto e co 1º Premio de Poesía Pedro Alonso Morgado de Huelva.

Entre traballos dispares, como axudante dunha industria cárnica ou operario nunha do sector lácteo chegou ó ano 2004, no que a súa vida sufriu unha fractura, pois un accidente de circulación estivo a piques de custarlle a vida. Foi premiado no Certame Literario de Vilalba no 2005. Circunstancias familiares levárono dun lado a outro nestes dous últimos anos, sen poder centrarse na creación doutro texto literario concreto, aínda que aproveitou para exercer de colaborador no xornal El Progreso, primeiro na sección Tribuna Chairega e despois no suplemento semanal A Chaira, no que segue amosando fragmentos da súa inconformista personalidade.

Dinamizador cultural, administrador de Culturalia GZ (web coorganizadora do Certame de Microrrelatos de Vilalba, o Certame de Poesía Torre de Caldaloba ou o Magosto Cultural Cal da Loba) e ata abril de 2021 presidente da A.C. CALDALOBA.

 Obras realizadas

No tocante ó eido da publicación, engadir que se centrou basicamente nunha edición non venal do relato gañador xunto cos accésits no Concurso Ourense de Contos, a inclusión de varios textos presentados nunha selección feita por La Voz de Galicia baixo o título Relatos de Verán e algún que outro poema en revistas literarias, ademais da publicación colectiva dos contos premiados nos distintos certames Ágora Conto.

Podemos salientar os relatos Todo por unha teima, O mercenario e Omnisciencia, e os poemarios Diario dun ser perdido, Nos labirintos da alma, Entre as paredes do silencio, Fotogramas da desfeita, Xeografía da desolación, Ti, (Des)Amor, A linguaxe das palabras rotas e Mapa de xeografía emocional.

Tamén publicou un disco de poemas, titulado CRACK, xunto ao músico Marcos Maoxu.

Foi premiado no Certame Literario de Vilalba no 2005. Acadou o 2º Premio no Certame de Narración Curta Ánxel Fole que convoca o Concello de Lugo, cos relatos O mercenario, en 2009, e O pensamento inerte, en 2011, sendo publicados ambos relatos nun libro colectivo. Tamén nos anos 2010 e 2011 repitió con cadanseu segundo premio no CERTAME LITERARIO DO CONCELLO DE VILALBA cos poemarios "Nos labirintos da alma", publicado en Espiral Maior, e "Entre as paredes do silencio". Actualmente ten máis dunha vintena de premios literarios de poesía e narrativa

Para finalizar, cómpre dicir que o seu vén sendo un xeito de escribir moi particular, despoxado de complexidades na forma e no contido,coa fundamental intención de emocionar e conmocionar ó que lle apeteza converterse en receptor dos seus textos. Unha literatura das sensacións máis ca dos conceptos.

 Outros datos de interese

Premios literarios:

Gañador Certame Literario Vilalba. 2005.

2º Premio Certame Nacional de Poesía de Begonte. 2007.

2º Premio Certame Narración Curta Ánxel Fole. 2009. Lugo.

2º Premio Certame Literario de Vilalba. 2010.

2º Premio Certame Narración Curta Ánxel Fole. 2011. Lugo.

2º Premio Certame Literario de Vilalba. 2011.

Mención honorífica no Certame Nacional de Poesía de Begonte. 2012.

3º Premio no Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro de Mondoñedo. 2015.

3º Premio no Certame Literario do Concello de Ames (Narrativa). 2017.

2º Premio no Certame de Poesía en Lingua Galega “Manuel María” en Gipuzkoa. 2017.

1º Premio no II Certame de Debuxo e Poesía "Avelino Díaz", en Riotorto. 2018.

1º Premio no VII Certame de Poesía "Manuel Leiras Pulpeiro", de Mondoñedo. 2018.

3º Premio Certame Literario do Concello de Ames (Poesía). 2019.

2º Premio III Certame de Debuxo de Poesía "Avelino Díaz", en Meira. 2019.

3º Premio XXXIII Certame "Rosalía de Castro" de Poesía en Lingua Galega. Cornellà. 2019.

1º Premio Poesía Certame Literario "Terras de Chamoso". O Corgo. 2019.

1º Premio Poesía Rural San Xoán de Río. San Xoán de Río. 2020

2º Premio Poesía Certame Literario "Terras de Chamoso". O Corgo. 2020

Mención de Honra no XLV Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal. Begonte. 2021

2º Premio Poesía Rural San Xoán de Río. San Xoán de Río. 2021.