Comeza a tomar fotografías aos doce anos coa súa primeira cámara: unha Werlisa Color. Realiza estudos nos Estados Unidos e licénciase en Psicoloxía en Santiago no ano 1990. Posteriormente estuda Ciencias da Información, realiza diversos cursos de fotografía e comeza a traballar nunha revista especializada, empezando entón a desenvolver e seu traballo artístico.
No ano 2006 empeza a traballar profesionalmente como fotógrafo e centra o seu traballo no interiorismo, arquitectura, fotografía de produto, reprodución de obra de arte e o seu traballo artístico. Durante este tempo traballa tamén como profesor de fotografía e continúa desenvolvendo o seu traballo artístico á vez que realiza exposicións individuais en salas como a da Fundación Araguaney, Hotel Balneario Compostela, Galería Sargadelos e no Casino de Santiago. Tamén participa en exposicións colectivas como a realizada no Concello de Brión no ano 2008. Así mesmo forma parte do xurado en diversos cursos de fotografía. A súa vindeira exposición realizarase no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela entre o 4 de febreiro e o 8 de marzo e na Galería Sargadelos de Madrid a partires do 2 de abril. Tamén está a desenvolver un proxecto conxunto co coñecido escultor Ramón Conde.