É doutor en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, onde previamente realizou os estudos de Xornalismo. Tamén é Técnico de Radiodifusión e Televisión pola Escola oficial de Madrid. Actualmente é profesor de Dereito da Información e a Publicidade na Universidade de Vigo e profesor invitado noutras universidades de Portugal e Iberoamérica. Exerceu o xornalismo durante 30 anos. Iniciouse en Radio Popular de Ourense ao lado de Daniel Hortas, a quen segue considerando o seu mestre. Máis tarde trasladouse a Vigo, onde foi redactor da COPE naquela cidade e tras abandonar a radio en 1976, pasou sucesivamente polas redaccións de Faro de Vigo, La Voz de Galicia e Diario 16 de Galicia. Finalmente, foi delegado en Vigo de El Correo Gallego, antes de incorporarse á Facultade de Ciencias Sociais e da comunicación, tras doutorarse no Departamento de Dereito Constitucional e obter por oposición praza de profesor titular.
Publicou 21 libros sobre temas de Comunicación e Dereito, pertence a diversas asociacións científicas e profesionais nacionais e internacionais e está en posesión de diversos premios, entre eles, ao mellor labor investigador sobre o contrabando e o narcotráfico en Galicia ou, por dúas veces, o mellor xornalista de Vigo, Premio “Luis Taboada”, outorgado polo Concello. Foi elixido “Lucense do ano 2000”. Está en posesión da Cruz ao Mérito Militar con distintivo branco. Foi presidente da Asociación da Prensa de Vigo e actualmente é presidente da Academia Internacional de Protocolo da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo. Como experto nesta materia viaxou por todo o mundo e disertou como relator en lugares tan diversos como Budapest, Bos Aires, Roma ou Lisboa. Os seus recordos infantís dunha cidade que tanto quere plasmáronse no libro “Lugo en el corazón”.