É Técnico Especialista en Contabilidade (nº 1 na súa promoción), secretaria de dirección, axente de desenvolvemento cooperativo, Monitora de Consumo, Animadora Socio-Cultural, diplomada en Lexislación Laboral, Fiscal e Tributaria, realizou estudios de Empresariais e Dereito, así como diversos cursos relacionados coa Administración e a Seguridade e Hixiene no Traballo. Na actualidade está en Relacións Laborais onde é membro da xunta da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo (UVIGO).
Persoa moi vinculada ó movemento asociativo en Vigo e en Galicia - foi secretaria de Xuventude, Cultura e Muller na AVV de Coia -, conta con unha gran experiencia nos sectores deportivos, sociais, culturais, ecolóxicos e xuvenís. Fundou a Asociación xuvenil ‘Camiño Vello’ de Coia; o Grupo de Ecoloxía GEMA - embrión do Grupo de Ecoloxía Científica, Calidade de Vida e Medio Ambiente de Galicia (GECMA), do que é presidenta -; a Asociación Cultural, Deportiva e Xuvenil Gran Vigo, que abarca os 31 municipios do sur da Provincia de Pontevedra. Creou o Concurso Literario Interescolar Carlos Casares; o Premio Peninsular de Novela Corta para Mozos Wenceslao Fernández Flórez; o Certame Internacional de Pintura para Xoves Diego de Giráldez; o Premio Ecoloxía Galicia; o Torneo Gran Vigo de xadrez; o Torneo de Benxamíns de Fútbol de Coia - con Juan Bahamonde -; o Torneo Interclubes de Xuvenís Gran Vigo; a importante Marcha Ciclista de Coia; o Concurso de Monólogos de Humor “MONOLOVIGO”, etc..
É membro da comisión executiva de Vigo e delegada comarcal do PSdeG – PSOE de Vigo, secretaria de Deportes, que realizou os programas electorais deste sector para as eleccións: municipais 2003, eleccións xerais, eleccións autonómicas 2005 e agora está realizando o das municipais 2007. Organizou distintas charlas sobre deportes, resaltando a do director xeral do CSD. Nas eleccións é a responsable de comunicación e prensa.