Comezou a súa aprendizaxe en Compostela, trasladándose a Lisboa (1724), Sevilla (1726) e posteriormente a Roma (1733). Regresou a España en 1747.
Foi o escultor da corte de Fernando VI, realizou os retratos deste rei, da súa esposa Bárbara de Braganza, de Sarmiento, etc. Os seus bustos son dos máis importantes dentro da escultura do século XVIII. Realizou tamén os bustos dos emperadores romanos Trajano e Teodosio, nacidos en España, dos reis visigodos Ataulfo, Walia e Turismundo e dos reis Enrique II e Felipe II. Realizou as estatuas de San Isidoro e San Leandro. En Galicia hai obras súas, como por exemplo: a Virxe da Asunción de Santa María de Isorna (Padrón), o San Xosé do Carme de Padrón e dous anxos da fachada de San Martín Pinario.
Foi un dos máis importantes impulsores da creación da Real Academia de Belas Artes (1752) e da que foi director en 1762. Deixou a súa biblioteca á Universidade de Santiago. En 1739 foi galardoado co primeiro premio de Escultura pola Academia de San Lucas (Roma), que o nomeou académico de mérito en 1746. Foi nomeado membro da Academia do Deseño de Florencia e foi un dos socios fundadores da Real Sociedade Económica Matritense. É autor dos manuscritos Lección de la Academia Florentina sobre la primacía de las artes e Relación de pinturas y esculturas de Madrid.