Heitor Picallo Fuentes


Pseudónimo: O Carrapucho
Data de Nacemento: 18 de outubro de 1974
Lugar de Nacemento: Baño, Cuntis (Pontevedra)

Opinión
 Currículum

Estuda a EXB no Colexio Público Don Aurelio Rey (Cuntis), o bacharelato no Seminario Menor A Asunción (Compostela) e remata os estudos de Enxeñaría Técnica Naval na UdC. É cofundador da revista A Taboada (das O Meigallo e A Cabana) e foi membro do seu consello de redacción. Pertence á Irmandade Avelino Pousa Antelo e, outrosí, á Asociación Cultural O Fervedoiro.

 

ENSAIO

No eido da investigación publica no Boletín de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia; en Compostellanum; Descubrindo Deza; Miscelania do Pobo Estradense; Murguía; Museo de Pontevedra; Raigame e Tapa.

É autor de dúas obras de ensaio: Xohán Xesús González: Un precursor do soberanismo galego (Laiovento 2008), prologado por Xosé Luís Méndez Ferrín; e Coa lingua na terra (Toxosoutos 2013) con prólogo de Xosé María Lema Suárez e epílogo de David Otero. Colabora no libro titulado Cerviño, Hijo de Galicia, Padre de Argentina (Buenos Aires 2010), ensaio de Horacio Vázquez Rivarola.

 

PRENSA

Ten tirado numerosos artigos en xornais galegos, entre outros: A Nosa Terra, Diario de Arousa, Diario de Pontevedra, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, Galicia Hoxe, La Voz de Galicia, Sermos Galiza, Vieiros,...

Neste eido, e pola defensa do patrimonio arquitectónico, recibe o II Premio de Periodismo Máximo Sar (2005); e pola defensa do idioma galego, o XVII Premio de Xornalismo Manuel Reimóndez Portela (2012).

 

LITERATURA INFANTIL

É autor dunha serie de libros infantís titulados Tilirín: o meu primeiro dicionario (dos que van publicados 8 volumes pola Editorial Fervenza): Tilirín e os Paxaros (2004); Tilirín e os Peixes (2005); Tilirín e o Universo (2006); Tilirín e os Escritores das Letras (2007); Tilirín e as Construcións Galegas (2008); Tilirín e os Insectos (2009); Tilirín e a Poesía de Hoxe (2011); Tilirín e a Mitoloxía Galega (2013). É coautor d’O Labirinto de Pedra (Tórculo 2006), que publica xunto con Paula Oreiro e Modesto Gómez.

 

TRADUCIÓN

Verte ao galego A Epopea do Terzo de Galegos (Secretaría Xeral de Emigración, Xunta de Galiza 2006), ensaio do historiador arxentino, de orixe galega, Horacio Vázquez Rivarola. Traduce o ensaio Regionalismo Nacionalismo Separatismo (2008), de Xohán Xesús González; e Prevención de Riscos Laborais no Mergullo (2008), de Óscar Figueiro Touceda.

 

POESÍA

Colabora en Dairas (2010), libro de poemas galego-árabe de apoio ao pobo saharauí; e en Versus cianuro. Poemas contra a mina de ouro de Corcoesto (Asociación Cultural Caldeirón 2013).

 

OBRA COLECTIVA

Participa no libro O Traque da Quenlla (2008), en homenaxe á histórica agrupación musical; e en Pedigree (2013), libro de relatos en contra do maltrato animal.

 

CRÍTICA LITERARIA

Ten publicado críticas literarias en xornais como o Diario de Arousa e o Diario de Pontevedra; ao tempo que prologa as pezas dramáticas Sálvese que poida, de Fernando González Graña (Editorial Fervenza 2004); Conversa entre arrieiros, de Marcial Valladares Núñez (Editorial Fervenza 2004).

 

ILUSTRACIÓN

Ilustra numerosos libros das Editoriais Fervenza e Toxosoutos, colabora nas publicacións da asociación Xermolos e coas Irmandades Manuel María e Avelino Pousa Antelo. As súas obras plásticas tamén se ven en xornais e revistas (como Aunius, ¡Que crisis!, Casahamlet,...), revistas de investigación (Tapa, Raigame, Murguía,...). Tanto é así que algunhas das súas caricaturas foron portada no Galicia Hoxe (Días das Letras Galegas dos anos 2005 e 2011, dedicados a Lorenzo Varela e Lois Pereiro, respectivamente), e El Correo Gallego (Días das Letras Galegas de 2012, na que se lle rende homenaxe a Valentín Paz Andrade; 2013, dedicado a Roberto Vidal Bolaño; e 2014, dedicado a Díaz Castro). Outra das súas portadas tamén sae no Diario de Pontevedra, desta volta no suplemento cultural do Día das Letras Galegas do 2004 (dedicado a Xaquín Lorenzo, "Xocas").

Gaña o Concurso Raigame de Etnografía na modalidade de debuxo e pintura (2004).

 

EXPOSICIÓNS

Realiza exposicións individuais e colectivas, tanto en acuarela coma en óleo; tanto de paisaxes e caricaturas coma de debuxos arqueolóxicos. Velaquí a listaxe: San Martiño Pinario – Compostela (1992), Auditorio de Caldas de Reis (1994 e 2013), Casa da Cultura Roberto Blanco Torres – Cuntis (1997), Cafetaría Tertulia – A Estrada (2001), Galería Sargadelos – Compostela (2005), A Casa da Burga – Cuntis (2007) MUPEGA: Museo Pedagóxico de Galicia – Compostela (2007), MOME: Museo do Moble e da Madeira da Estrada (2011), Bou Eva – Vigo (2013), CPI Aurelio Marcelino Rey – Cuntis (2013 e 2014), Museo Manuel Torres – Marín (2014), Museo Valle-Inclán – A Pobra do Caramiñal (2014 e 2105)...