É licenciado en Xeografía e Historia e traballa como profesor de ensino secundario no "IES Asorey" de Cambados, do que foi director. Desde 1991 participa na vida política local no PsdeG-PSOE. Foi concelleiro desde 1992 e membro do Comité Nacional Galego. Poeta, narrador, membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega, colabora en diversas revistas literarias e como crítico literario no Faro da Cultura do Faro de Vigo e Guía dos Libros Novos. É membro do comité de redacción da revista galego-portuguesa "Parnasur". Participa en numerosos recitais e colabora en numerosas actividades culturais. Foi relator e organizador do 1º Congreso de Poesía Galega (Vilagarcía, setembro, 1997). Nas eleccións de 2004 foi elixido deputado no Congreso en Madrid polo PsdeG-PSOE.
É autor dos seguintes libros de poesía: Manual de Urxencias e Retornos (Accésit do González Garcés da Deputación da Coruña, 1993), Balsaín Blues (Premio Cidade de Ourense 1997, Espiral Maior), Nos tempos de invernía (Premio Avelina Valladares do Concello da Estrada, 1999, no prelo) e A luz secreta (colección Tambo, Deputación de Pontevedra, 2002). Participou nos seguintes libros colectivos de poesía: Vis a Vis: 36 poetas e unha idea (1997), O cancioneiro e o mar (1998), Abraço: poesía colectiva (ediçao AALF 2002) e Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003). Escribiu a novela Carmín (Xerais, 2002).
Está casado e ten dous fillos.