Licenciada en Historia da arte (na especialidade de Historia da Música) na Universidade de Santiago e en Música Antiga (na especialidade de Violín Barroco) na Escola Superior de Música e Artes Escénicas de O Porto. Completa a súa formación académica realizando un máster en Xestión Cultural na 'Universitat Oberta de Catalunya'.
A súa carreira na xestión musical levouna a traballar na 'Orquesta Barroca de Sevilla' e, recentemente, como coordinadora na Asociación Española de Festivais de Música Clásica-'FestClásica'; e prestando servizos de produción e distribución aos grupos 'Accademia do Piacere', 'Gli Incogniti' e ao director de escena Rafael R. Villalobos.
Obtivo o título profesional de Violín Moderno no Conservatorio Superior de Música da Coruña e formouse en Violín Barroco no Real Conservatorio de Música de Madrid. Foi profesora asistente de violín barroco na Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto e profesora na 'Nueva Orquesta Barroca de Andalucía'.
Como violinista, integrou diversas agrupacións, como o 'Ensemble Gli Incogniti', a 'Orquestra Barroca da Casa da Música' (O Porto), 'Orquestra Barroca Divino Sospiro' (Lisboa), 'Orquesta Barroca de Sevilla', 'Ensemble Jacques Moderne' (Francia) e 'Ars Combinatoria' (Madrid). Tamén traballou no campo da música de cámara e no da música medieval con grupos de Gran Bretaña, Portugal, España e Galicia, entre eles a Capela Compostelá. Foi membro da 'Nova Orquestra da Orquestra Sinfónica de Galicia'.
En outubro de 2017 foi nomeada Directora técnica da Real Filharmonía de Galicia.