Estudiou bacharelato en Lugo. Empezou a cursar Filosofía e Letras en Santiago, pero abandonou esta carreira polo periodismo. Colaborou en moitos periódicos como El Pueblo Gallego, ABC, La Noche e Faro de Vigo, así como en revistas como El Escorial ou Fantasía. Durante moitos anos foi director de Faro de Vigo. Pouco antes de morrer foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Compostela.
Nos libros El envés (1969), Laberinto y Cía (1970) e El descanso del camellero (1971) están recollidos tódolos artigos que publicou en Faro de Vigo.
POESÍA: Cunqueiro iniciouse literariamente como poeta. Mar ó norde (1932) é un conxunto de poemas de tema mariñeiro. En 1933 publica Poemas do si e non e Cantiga nova que se chama ribeira. Completan a súa producción poética Elegías y canciones (1940), que contén versos casteláns que escribira entre 1934 e 1936, Dona do corpo delgado (1950) e Herba aquí e acolá (1980).
NARRATIVA: Sen dúbida será a narrativa o xénero literario que lle reportará maiores éxitos. Inicialmente escribe en castelán. A súa producción comeza en 1936 coa publicación de El mundo y otras vísperas. Posteriormente apareceron La historia del caballero Rafael (1939), Balada de las damas del tiempo pasado (1945), El Caballero, la muerte y el diablo (1956), Las mocedades de Ulises (1960), que supón un canto á xuventude, Un hombre que se parecía a Orestes (1969), El año del cometa (1974) e La otra gente (1975). A súa obra narrativa en galego iníciase coa publicación Merlín e familia en 1955, As crónicas do Sochantre (1956) e Si o vello Simbad volvese ás illas... (1961). Escola de menciñeiros (1960), Xente de aquí e acolá (1971) e Os outros feirantes (1979) son retratos de personaxes reais e imaxinarios nos que se amosa a psicoloxía do home galego. En 1964 publica Tesouros novos e vellos, que contén relatos sobre diversas fantasías mitolóxicas.
TEATRO: Ademáis das súas obras en prosa e verso tamén escribiu algunha obra teatral. O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958) e A noite vai coma un río (1969) son as obras máis importantes da súa creación teatral. Ademais das súas produccións literarias, Álvaro Cunqueiro escribiu libros de cociña como La cocina cristiana de Occidente (1969) ou A cociña galega (1973) e varios catálogos turísticos. Traduciu ó castelán algunhas das súas mellores obras publicando así Merlín y Familia (1957), Las crónicas del Sochantre (1959), Cuando el viejo Simbad vuelva a las islas (1962) e Tertulia de boticas prodigiosas y escuela de curanderos (1976).
Dedícaselle o Día das Letras Galegas no ano 1991.