Licenciado en Dereito pola Universidade de Vigo, ingresou no Corpo de Xestión da Administración Civil do Estado obtendo o número un da súa promoción. Actualmente traballa para a Dirección Xeral da Mariña Mercante na Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa. Asemade, compaxina o seu traballo coa labor de crítico cinematográfico na Radio Municipal de Allariz, no programa “Banda Aparte” e no blog de cinema “Autofocus”.
Por mor da súa afección ao cinema, ten participado en diversas mesas redondas e cinefórums organizados pola Universidade de Vigo e por Centros Socioculturais. Como escritor, debutou no ano 1999, con 16 anos, obtendo o IV Premio literario Ánxel Casal, na modalidade de conto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela, coa obra “O pecado e a donicela”. Ao ano seguinte, 2000, gaña un accésit no XVII Concurso de Contos para a mocidade da Casa da Xuventude de Ourense co texto “Caeu a noite”.
Este texto sería publicado na revista “Algália” no ano 2002. Ese mesmo ano, conquire o 3º premio no IV Concurso de Contos Ultralixeiros de Chantada coa obra “Mátame a melancolía”. No ano 2005 faise co 1º premio na modalidade de relato no concurso de relato, poesía e tradución que convoca anualmente a Universidade de Vigo. A obra presentada chámase “Os reinos da conciencia”.
Despois de case catro anos de silencio, o autor consigue no ano 2009 o Premio Manuel-Oreste Rodríguez, organizado polo Concello de Paradela con “Marcha Triunfal” e o Premio Ourense do XXVI Concurso de Contos para a mocidade da Casa da Xuventude de Ourense co texto “Sombras para despois de Walpurgis”. No ano 2010, Alberto obtivo un novo galardón, o accésit da XII Edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole, organizado polo Concello de Lugo, co relato “O sangue que tinxe as rúas de Gotham”.