Alberto Conde


Categoría: Músico
Data de Nacemento: 31 de marzo de 1960
Lugar de Nacemento: Caracas (Venezuela)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Trasládase de moi novo a Ourense, onde realiza estudios musicais no Conservatorio desta cidade, graduándose en guitarra clásica. Acode a varios seminarios de Jazz en Bañolas (Xirona), con artistas americanos de recoñecido prestixio: Thad Jones, Chuck Israels, Bill Dobbins, Steve Brown, Sal Nístico, Ben Riley, Jim Mc Neely, Hal Crook, Claudio Roditi, … músicos que o introducen no mundo do jazz, e dos que aprenderá a verdadeira filosofía sobre esta música. Entre os anos 1981 e 1983 estuda e imparte clases no Taller de Músicos de Barcelona e no San Diego School of Performing Music (California), estudando con Mario Lecaros e Hal Crook respectivamente. En febreiro de 1983 funda a Escola Baio Ensemble en Vigo. En 1985 dedícase ó estudo do piano de maneira autodidacta, e será con este instrumento co que desenvolva a súa futura carreira profesional. En 1987 imparte clases de harmonía e improvisación de jazz no Conservatorio de Santiago de Compostela e é contratado como director e arranxista da orquestra ‘Los Satélites’ da Coruña ata 1990. Ó longo da súa carreira ten participado e colaborado en moitos festivais e concertos: San Sebastián, Madrid, Lorient, Lisboa, Barcelona, Mallorca, San Diego, Los Angeles, Festival de Música e Danza de Granada, Santiago de Compostela, (Cidade europea da cultura), e innumerables cidades españolas. Colaborou con músicos e formacións nacionais e internacionais, entre as que se pode citar a Roy Hargrove, Hal Crook, Kenny Wheleer, Clunia jazz, Orquesta Clásica de Madrid, Emilio Cao, Tomás Camacho, Uxía Senlle, Cuchús Pimentel, etc… No ano 2002 estrea ‘Sonidos de Bitácora’ (concerto sinfónico para guitarra e orquestra), interpretado polo guitarrista Tomás Camacho e a nova orquestra sinfónica de Viana do Castelo baixo a dirección do mestre Miguel del Castillo.

 Obras realizadas

O seu traballo discográfico conta con 5 álbums de produción propia e outros tres para diferentes artistas:

PRODUCIÓN PROPIA
‘Paisajes’, Baio Ensemble, gravado e producido por RNE (1985).
‘Diálogos’, Baio Ensenble, gravado en Sonyarte (Vigo, 1990).
‘A Lagoa dos Atlántes’, Alberto Conde, gravado en Camelot (Guláns, 1997), Clave Records.
‘Celtrópolis’, Alberto Conde grupo, gravado en Dubbin España (Madrid, 1999), Clave.
‘Entremares’, Alberto Conde trío, gravado en Infinity (Madrid, 2004), Karonte Records

COLABORACIÓNS DISCOGRÁFICAS
‘50 Aniversario Los Satélites ‘ gravado en Sonyarte en 1990, Fonomusic.
‘XXI Festival de Donostia’ gravado en julio de 1986 para IZ.
Recopilatorio ‘Naciones Celtas II’, para Fonofolk (2000).
‘Mr. Cal’ de Fernando Llorca ‘Atlantic Band’ gravado en ‘Casa de Tolos’ (2001), para Clave records.
Ten gravado en programas de TVE como ‘Jazz entre amigos’, La Buena Música ‘Solo Jazz’ e recibiu excelentes críticas en RNE, diferentes radios comerciais, á vez que en xornais nacionais e internacionais como El País, La Voz de Galicia, El Mundo, etc...

 Outros datos de interese

En 1986 consegue o 2º premio no XXI Festival de Jazz de San Sebastián co Baio Ensemble en formación de quinteto e participa na ‘1ª Muestra Nacional de Jazz para Jóvenes Intérpretes’ celebrada en Mallorca. É finalista no primeiro concurso de composición para orquestra de Jazz contemporáneo, celebrado en Madrid pola fundación Plató, concursando con músicos da talla de Amargós ou Lluis Vidal.
Cabe destacar o traballo que leva a cabo co compositor Emilio Cao no Xacobeo 93, arranxando música tradicional e do propio compositor para a Orquestra Clásica de Madrid.

Páxina web: www.albertoconde.com